«Son feliz porque acabei sendo músico cada día da miña vida»

Antón parada

BARBANZA

O noiés é profesor de música en Muros e Bertamiráns, ademais prepara un segundo LP

16 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«Na nosa xeración parece que se non chegas a ser enxeñeiro, médico ou avogado o resto é un pasatempo». Esta mestura de pesimismo e abafante realidade alimenta as cordas da guitarra que rillan o melancólico jazz de Rafa Fernández Rodríguez (Noia, 1983). Baixo a humildade inherente desa escasa raza de músicos cuxa almofada non garda o soño da fama, o noiés prefire entregarse en corpo e alma aos seus alumnos da escola de música municipal de Muros ou a academia Musikartis, en Bertamiráns.

Proba dese intimismo que caracteriza ao xénero musical no que se circunscribe Rafa Fernández é o cariz secreto do seu recuncho, situado na cala de Bornalle, en Abelleira. «Non me gustaba ir á praia ata que descubrín este lugar hai tres anos», describiu deste pouco concorrido areal. Sen embargo, a doce tristeza nos acordes non obrigou a un fatal desenlace: «Son feliz porque acabei sendo músico cada día da miña vida». Mais aínda non chegamos a esa parte da historia.

Na procura do «swing»

Cando era só un rapaz o seu tío regaloulle unha Epiphone acústica que aínda conserva. Medrou entre cortes de blues e rock, mentres os Beatles e Led Zeppelin lle bisbaban melodías para o camiño. Ata que ese sendeiro desembocou na cidade de Santiago, para el «só son tres Noias». Con 19 anos chegáballe o momento de tomar decisións ao respecto da vida universitaria.

«Tentei estudar unha carreira das que se supón que tes que estudar, pero saín do armario dicíndolle a meus pais que quería dedicarme á música», cuestión que non foi tomada moi ben no seo familiar de Fernández, pero que foi contestada con incontables horas de clases, ensaios ou jams con compañeiros e valentía autodidacta.

Así se graduou en Maxisterio Musical pola Universidade de Santiago de Compostela e comezou a dar clases. Aínda que soe ser unha forma de gañarse o pan habitual no gremio, para este artista vai máis alá: «Transmitirlle a nenos o que é a túa paixón non é un traballo, é un regalo». Polo mesmo motivo imparte leccións tamén a xente de diversas idades ou que quere aprender ou só mellorar a súa técnica.

Durante as súas sesións aporta a filosofía da experiencia adquirida daquel que se curtiu en multitude de grupos. Por iso planea eventos como o do concerto de jazz do ano pasado no centro muradán, que conseguiu que os rapaces se integraran en distintas formacións con estudantes doutras escolas. Pois considera necesaria a riqueza de estilos persoais: «Esa é a individualidade do jazz, cada un toca como é. Se es egoísta soará a egoísmo, se es tímido soará baixiño».

Entón, ¿a que soa este mozo de 33 anos? A dificultade da pregunta fai que a resposta sexa plural. Pois ao Rafa Fernández Quinteto.

Alerxia ao márketing

Despois de editar o seu primeiro disco no 2013, agora anda na procura de estudios onde cociñar o segundo traballo que verá a luz este ano. Rafa Fernández segue mantendo ese espírito inicial que marca a quen sostén un instrumento por primeira vez. Segue compoñendo nos momentos de tranquilidade ou cando a obra doutra persoa o inspira.

Arrincarlle os recordos dun concerto é como quitarlle un anaco de alma, neste caso de soul. Cada vez que baixa das táboas só pensa en superarse na vindeira actuación. Oxalá a grandeza se contaxiara a través do son.

Reconciliarse coa area.

Ata que atopou o recuncho non ía nunca á praia. Agora acode a cotío no estío coa súa noiva e cos seus amigos.

O atril.

Varios dos traballos do conxunto deste artista están dispoñibles en Youtube introducindo o seu nome e apelidos para acceder á canle.