«Creamos un espectáculo ao redor das fábricas de salgadura»

A agrupación Ximiela presenta hoxe na Estrada «A ruta do sal», unha montaxe que reúne a 50 persoas


No vindeiro mes de marzo, corenta membros da banda de gaitas Ximiela viaxarán a Nova York para participar no desfile de San Patricio. Os elixidos, convidados polo Círculo Español de Queens, ansían percorrer a Quinta Avenida nun acto que congrega a máis de dous millóns de espectadores, pero precisan fondos para costear a viaxe. Con este fin, a agrupación creou A ruta do sal, un espectáculo que hoxe se estrea na Estrada (Teatro Principal, 20.30 horas) pero que, tal e como adianta María Mayo, integrante e mestra da formación, é moi probable que en breve recale en Muros.

-¿Como xorde a idea de crear esta «A ruta do sal»?

-Todo comeza cando a banda de gaitas é convidada a viaxar a Nova York e precisamos fondos para costear a aventura. Buscando ideas para recadar cartos, decidimos que o mellor era actuar. Creamos entón un espectáculo ao redor das fábricas de salgadura, das familias que chegaron de Cataluña para implantar esas industrias.

-¿De quen foi a idea de tecer o espectáculo ao redor dese fío?

-A idea foi do director da agrupación, Pablo Seoane, pero tamén lle pedimos información a unha integrante de Ximiela que é descendente dunha desas familias catalás e que, aínda a día de hoxe, explotan unha vella fábrica de salgadura reconvertida en local hostaleiro.

-¿Con que se vai atopar o público nesta montaxe?

-Vaise atopar cun percorrido por Galicia, que arranca no interior e chega ata Louro. A ruta lévase á práctica mediante bailes propios de cada lugar e vestimentas tamén típicas.

-¿Cal pensa que é a peza máis rechamante?

-Para min todas son destacables, pero penso que resultará rechamante a primeira, unha peza de Negueira de Muñiz que bailamos con zocas e con roupa de faena. Para nós é moi especial a última, O vals de Louro, pois é unha composición que recollemos aquí e que todo o mundo coñece.

-¿Por que a elección da Estrada para a estrea?

-Pois é un lugar que ten un teatro axeitado e que nos puxo todas as facilidades do mundo. En outras localidades pecháronnos as portas.

-Pero, parece obrigado presentar este espectáculo en Muros...

-Si, a idea é levar a montaxe a outros lugares de Galicia e, claro está, a Muros. Pretendemos presentalo na fábrica de Sel a finais deste mes.

-¿Como se presenta esa viaxe a New York?

-Para nós é unha oportunidade única. O que ocorre é que carecemos de recursos económicos e estanos custando conseguilos.

-¿Falta moito?

-Aínda falta un empurrón. Vendemos calendarios, organizamos seráns, fixemos actuacións... A verdade é que non sabemos por onde tirar.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«Creamos un espectáculo ao redor das fábricas de salgadura»