«Se te esforzas podes conseguir todo o que te propoñas na vida»

BARBANZA

Brión na piscina de A Fieiteira, onde conseguiu que decenas de rapaces amasen a natación.
Brión na piscina de A Fieiteira, onde conseguiu que decenas de rapaces amasen a natación. carmela queijeiro< / span>

Con máis de vinte anos de experiencia, Juan Carlos Brión ve que o traballo e a humildade son claves no deporte

09 ene 2016 . Actualizado a las 05:20 h.

juan Carlos brión adestrador do club natación ribeira

O típico en Ribeira sería ser un lobo de mar, pero Juan Carlos Brión preferiu ser un tabeirón de auga doce. O veterano adestrador do Club Natación Ribeira converteuse, grazas á súa experiencia e implicación, no pai espiritual de decenas de deportistas e nunha institución deportiva. Quen viviu baixo a súa disciplina asegura que é unha persoa dura, esixente, pero que sempre ten unha man para quen o necesite. El foi un das primeiras persoas que veu en María Vilas a nadadora que podería ser, pero lonxe de vangloriarse no feito, prefire seguir traballando cos mozos que acoden cada día ata as augas de A Fieiteira.

-O primeiro é preguntar por María Vilas, ¿como afronta un ano tan importante coma este?

-Ten calidade para chegar arriba e aínda ten moita marxe por diante, pero ela sabe que sen traballo non conseguirá éxitos. Estase adestrando coa selección, cunha planificación moi forte e non é nada fácil. O seu obxectivo é o de rematar o que comezou fai anos, pero non hai presa, Río non é o seu último tren, aínda é moi xoven.

-¿Vea nos Xogos Olímpicos?

-Hai só un posto para tres nadadoras, xa que o outro sabemos que é para Mireia Belmonte. María terá que pelexar polo que queda con Melani Costa, Bea Gómez e Catalina Corró. É complicado, podería conseguir a mínima que se fixo nas últimas olimpíadas e non ter praza porque as outras fixeron mellores marcas. O importante é que chegue ás citas clave na mellor forma posible e neso está traballando.

-A nivel do Club Natación Ribeira, ¿cal é o obxectivo que teñen marcado para este ano?

-Queremos manter o equipo na Primeira División española, pero hai unha meta que se antepón, que é seguir formando rapaces e deportistas. Queremos seguir fomentando e divulgando a natación entre os mozos e que podan crecer neste mundo. Sabemos que nalgúns casos chega un momento en que teñen que dar o salto a outros clubs e tamén estaremos aí para axudarlles a atopar unha saída que lles permita desenrolar a súa actividade.

-¿Ese é o rol do deporte base?

-Si, eu creo que o importa é transmitir ilusión polo deporte e valores como o respecto e o compañeirismo. Cada rapaz vai optar por unha disciplina diferente, pero sempre ten que estar esa premisa da formación e dos valores enriba da mesa.

-¿Senten que o club ten o apoio suficiente para levar adiante o seu labor?

-Tendo en conta os resultados que temos creo que merecemos máis do que recibimos. Sabemos que somos un deporte minoritario e non se nos dá a repercusión que teñen outro tipo de disciplinas. Somos conscientes das dificultades. O importante é que seguimos traballando, temos ao redor de 100 rapaces entre natación e triatlón e ademais dos 150 que veñen coas Anpas.

-¿É complicado ter a denominación de deporte minoritario?

-Primeiro están o fútbol, o baloncesto, o fútbol sala e logo estamos o resto de disciplinas. Agora, por exemplo, parece que o triatlón comeza a ter repercusión grazas a Gómez Noya, pero hai que ter en conta que leva cinco títulos mundiais.

-¿Qué é necesario para que un rapaz poda chegar ao nivel de María Vilas? ¿Existe un método?

-Hai un traballo formativo que ven dende a base, pero o importante é o traballo. Se algo ten María Vilas é unha gran capacidade de esforzo. Iso é fundamental, hai moitísima xente con calidade á que lle falta implicación. Este deporte é complicado, é unha pelexa contra ti mesmo e contra un cronómetro.

-¿Cree que tódolos rapaces debería practicar deporte?

-Eu considero que é fundamental, non me gusta ver aos mozos na rúa sen facer nada. Creo que é bo para eles ocupar parte do seu tempo libre practicando un deporte, axúdalles en tódolos aspectos da vida e compleméntache a túa educación.

-¿Despois de máis de vinte anos adestrando a rapaces cre que cambiaron co paso do tempo?

-Cóntoche unha anécdota, cando vamos competir fóra de Ribeira e estamos concentrados nun hotel temos unha norma que é: non se poden utilizar móbiles. Cando os rapaces están nesa situación ves que seguen facendo as mesmas trasnadas que facíamos nós cando tíñamos esa idade, vémonos moi identificados neles.

-¿Onde está o cambio?

-Os rapaces vanse involucrar se os pais tamén o fan, os que cambiaron foron os pais, son máis egoístas. Se ten que ir adestrar tres días á semana tes que ir a levalo e a búscalo, hai moitos que deciden que é mellor deixalo na casa.

-¿Como se motiva a un adolescente?

-Tes que lograr que se involucre cos valores: respecto e compañeirismo. Os adolescentes teñen que saber que se te esforzar podes conseguir todo o que te propoñas na vida. Esa é a nosa misión, que saiban que na vida hai que esforzarse.

«Temos ao redor de 100 rapaces entre natación e triatlón, ademais dos 150 que veñen coas Anpas»

«Primeiro están o fútbol, baloncesto,

o fútbol sala e logo estamos o resto de disciplinas»

«Os rapaces vanse involucrar se os pais tamén o fan, os que cambiaron foron os pais»