«Cada vez que termino unha obra só penso en que alguén vivirá dela»

Antón parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

O aguiñense ven de recibir o Premio de Artesanía de Galicia á traxectoria profesional

07 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Tempo atrás un home interesouse por mercar unha dorna do recoñecido artesán naval Domingo Ayaso Oujo (Aguiño, 1949), ao que visitou no seu histórico taller. Cando o comprador lle pediu que fixara un prezo e obtivo a cifra amosou desconformidade. O mestre da madeira ofertoulle entón a contía pola que se vendera un dos primeiros exemplares elaborados no negocio familiar. O artista que acaba de recibir o Premio de Artesanía de Galicia por toda unha vida consagrada a esta, simplemente sinalou unha parcela de terreo. Pois el provén dunha sociedade onde os pais lle daban a escoller aos fillos se preferían unha vivenda ou unha dorna. Adiviñen a elección habitual.

-¿Cal foi a súa primeira impresión ao coñecer o fallo do xurado?

-A verdade sentinme bastante nervioso, fun todo o camiño a Santiago sen saber que o ía recibir, nin quen estaba nomeado.

-O galardón entra na categoría «A toda unha vida». ¿Cal foi o inicio deste longo percorrido?

-Levo 51 anos, comecei en 1964. Pero xa empezara a facer cousas sen entrar a traballar. Mentres meu pai estaba no taller eu tallaba algún xoguete para min, unha pistola ou algunha figura. Sempre tiven ese interese na madeira polo oficio familiar. Daquela só había dúas opcións: ir ao mar ou ser carpinteiro. Non había moito máis onde elixir e non me arrepentín nunca.

-¿Síntese orgulloso dalgunha construción en particular?

-Síntome orgulloso de todas elas, porque a todo o que fago lle poño gañas de que saia perfecto. Ensináronme a importancia disto e agora non vou a cambiar.

-Hai dornas súas expostas en salas como a do Museo do Pobo Galego, ¿considera as súas creacións como obras de arte?

-Cada vez que termino unha obra só penso en que alguén vivirá dela. Non podo remedialo, as dornas sempre se empregaron para faenar. Cando as entrego é porque sei que van a acabar sobre o mar.

-¿Segue a recibir encargas? ¿Cal foi a derradeira creación?

-De vez en cando acoden a dicirme si podería facer unha última máis. Pero eu xa estou xubilado. A derradeira foi para o meu xenro e leva o nome da miña neta, Noa.

-¿Nunca lle tentou facer algún outro tipo de embarcación?

-Non, porque sempre tiven traballo neste ámbito. É certo que tiven ofertas, pero o que nunca tiven foi tempo. Si fixen reparacións doutros barcos.

-¿Cal considera que a situación desta arte da carpintería?

-Non ten futuro. Cada vez vai a menos, aínda que se saquen para navegar a vela. Deberiámolo de preservar ou polo menos que non lle poñan pegas e trabas, como as subvencións para eliminar a madeira progresivamente.

-¿Cre que o feito de que a Administración premie esta área reflicte algún cambio nela?

-Penso que non. Creo que o apoio veu a través da labor que realiza Asociación Galega de Carpinteiros de Ribeira (Agalcari). Foron eles os que me propuxeron para o galardón e os que máis loitan pola madeira. Por exemplo, meu pai nunca levou ningún premio e el merecíao máis ca min. A maior parte do que eu creei fíxeno en compaña del e de meu irmán.

-¿Pensou algunha vez en tomar aprendices?

-Non. Non obstante, chamáronme de Francia, Italia e Alemaña para vir a aprender a Aguiño, pero os trámites eran moi complicados. Tamén impartín cursos para rapaces en Ribeira e Rianxo. Agora só quero unhas vacacións.

O derradeiro mestre dorneiro Non queda ningún construtor tradicional de dornas en Aguiño ou en Barbanza.