Valle-Inclán, na distancia

Manuel Teira

BARBANZA

O busto que se atopa no miradoiro da Curota é obra de Benito Prieto Coussent<span lang= es-es >. </span>
O busto que se atopa no miradoiro da Curota é obra de Benito Prieto Coussent. carmela queijeiro< / span>

El artista Manuel Teira propone que el busto realizado por Benito Prieto se traslade a un lugar céntrico de A Pobra

12 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A historia dos pobos nunca se dá consumado definitivamente. Sempre os acontecementos van sumando ao longo de anos e séculos, e eses feitos ben nos serven para mantermos a memoria daquilo que fomos, e daquilo que non debemos ser. A Pobra do Caramiñal, tamén se fai debedora do seu pasado, esas follas da memoria, agora, coa perspectiva que dá o tempo, expostas a novos xuízos; ou, como é o caso que nos ocupa, a novas reflexións.

Hoxe o busto de Valle-Inclán, que preside maxestoso e esquemático o mirador da Curota, é xa unha icona no Barbanza e fóra del. Pero «este gran don Ramón de las barbas de chivo» -que diría o gran poeta modernista Rubén Darío-, non tivo un camiño doado ata se erguer na montaña sagrada; nada é o que parece, nin o que nos contan.  Esta magnífica talla é obra dun dos grandes artistas galegos de todos os tempos, Benito Prieto Coussent. O busto fora encargado pola sociedade pontevedresa, unha vez finado o escritor en xaneiro do 1936, e inauguraríase nos xardíns Viccenti, o día 21 de Xuño dese mesmo ano. Pontevedra rendía así unha homenaxe multitudinaria a Valle-Inclán, recoñecendo o seu enorme labor literario e o seu vencello coa cidade, na que viviu e estudou, e tivo acceso a bibliotecas tan importantes coma a dos Muruais, determinante na súa formación artística e intelectual.

O certo é que, rematada a Guerra Civil, Valle-Inclán convértese nunha figura incómoda para o novo réxime e para a falanxe, e, no ano 1954, o alcalde pontevedrés, Juan Argenti, decide desfacerse, nun lavado de mans, do busto de Valle. A tal fin, redacta unha curiosa carta que fai chegar, primeiro á familia do escritor, e logo ao Concello de Vilanova, ofrecéndolles, en nome do Concello de Pontevedra, a estatua de cinco toneladas, co argumento de necesitar ese espazo para colocar unha paxareira. Ambos os dous declinan a oferta, a familia obviamente por carecer do espazo preciso para unha obra tan enorme; e o Concello de Vilanova, porque o monumento a Valle traeríalle problemas, e non se miraría con bos ollos.

Foi finalmente o Concello da Pobra do Caramiñal quen se fixo cargo do busto (Pastor Rodríguez, la Voz de Galicia, 2007) que, unha vez descargada na Pobra, a estatua faise unha carga ingrata para a falanxe, e deciden que a desidia e o tempo se encargasen de facela esquecer, o mesmo que -pensarían tamén- sucedería coa propia figura do Valle-Inclán escritor.

Mudo despoxo

E así foi como permaneceu tirada a tal unha peza de escombro durante anos, por varios lugares da cidade, entre os anos 1954 e 1966, precedido pola ignominia e a deshonra. Cabe sinalar que moitos amigos de Valle-Inclán seguían a vivir na Pobra, e asistían diariamente ao despoxo no que se convertera o seu busto, e resulta, cando menos, pouco entendíbel esa actitude de silencio. Por iso, custa entender posicionamentos coma o do seu amigo, tamén escritor e persoeiro de moita relevancia, Victoriano García Martí, que permaneceu mudo diante desta desfeita tan inmoral.

O certo é que sería o alcalde Atilano Lamas e Andrés, quen decide, coincidindo co centenario do escritor, nunha xogada, como no seu día o fixera o alcalde pontevedrés, -e aquí estaría ben aplicarmos un símil futbolístico-, meterlle un gol á falanxe local, e emprazar a estatua de Valle na Curota. Isto é, o busto que chegou para se erguer na cidade era agora destinado á Curota, a uns cantos quilómetros de distancia do pobo, para que as hostes da falanxe non se sentisen deshonradas, e puidesen contemplar ao lonxe a, para eles, inmoralidade e liberalismo do escritor e, así, desfacérense da incomodidade de ter que contemplalo diariamente no seu territorio.

Sería a raíz dun artigo na revista Triunfo, que se comeza a contar a historia do roubo do pedestal do busto. O escándalo faise maiúsculo, e na desaparición aparecen implicados significados representantes da falanxe local, entre eles o exalcalde Rogelio Bandín, ao que culpan do roubo da base, e de utilizar as pedras na súa fábrica dos Areos. Datos moito máis recentes afirman que as pedras que constituían a base foron transportadas por operarios do entón alcalde nun camión da súa empresa, e tiradas no pozo de regar da chamada casa do monte. A historia desta estatua parece facerse interminábel. Non hai moito, no 2013, un ritual satánico realizouse na súa contorna e, a estas alturas, cos novos tempos, e cunha nova mirada, penso que sería oportuno facermos un punto e á parte e revalorar todo o concernente a Valle-Inclán.

O próximo ano cumprirase o 150 aniversario do nacemento do escritor, o que é un bo momento para reflexionarmos e poñérmonos a traballar sobre a súa figura. Algunhas institución xa están niso, incluído o propio concello de Vilanova da Arousa. Na Pobra tamén agardamos boas novas nesa dirección. Coido que sería un momento apropiado para mandarmos facer unha copia do busto de Benito Prieto Coussent, e repoñelo no lugar do orixinal, actualmente na Curota, e buscar, planificar un lugar céntrico na Pobra para situarmos o busto orixinal, e así restituír o noso valor literario e humano máis consistente e á alza, saldarmos contas coa historia, e facermos xustiza con Valle-Inclán e a súa memoria.