Empoleirada sobre o río, aparece ante a nosa mirada a figura dunha pequena aldea co seu entrabado fermosamente estendido pola cumieira dun resistente esporón granítico. O seu nome, Castro Lampreeiro, estanos a falar dunha antiga poboación prerromana que tiña nas augas próximas unha abondosa fonte de vida. Ao fondo, o río Tambre -o Tamaris romano, actor principal na xeografía da ría de Muros-Noia- debuxa o seu tramo final. Cun fluír cansiño que manifesta no serpeante camiñar, os depósitos dos materiais antes transportados dan forma agora a terreos lamacentos como a illa de Meán, na metade do seu curso, ou favorecen a presenza de extensos canavais que colonizan as ribeiras. Voando sobre as augas, como unha fina liña, a mítica Pontenafonso, representa a memoria da umbilical unión pétrea das terras de Outes e de Noia.

O territorio cobra unha nova dimensión cando alguén ao noso carón, empregando as palabras exactas do terreo, describe aquilo que ollamos. Ante a mirada especializada de quen distingue na cuberta verde que o mimetiza todo, os elementos e os seus nomes distintivos, a paisaxe vai tomando corpo.

Baixo cada nome (topónimo, hidrónimo, etcétera) imos deducindo a súa prehistoria, colonización, xeoloxía, hidroloxía, agricultura, gandería, cultos, deuses, etcétera. Así entendida, a paisaxe é sempre unha construción cultural. Baixo este punto de vista, a lingua é inseparable da paisaxe.

A toponimia é a pegada na linguaxe dos procesos de ocupación do espazo xeográfico por parte das diferentes civilizacións no tempo. Un topónimo certifica a relación do ser humano co espazo onde desenvolve a súa vida, é o testemuño da conversión do espazo en lugar.

Distintos usos e valores

As diferentes comunidades outorgaron ao territorio distintos usos e valores que, con frecuencia, van aparecer reflectidos nos nomes cos que salpicaron as novas xeografías humanizadas. A toponimia representa, xa que logo, a cartografía da palabra na terra. A diferenza de hoxe, en que o nome é só iso, un código, unha clave ou xeito de identificación sen proporcionar maiores contidos, no pasado, naquela sociedade rural, agraria e mariñeira, os nomes respondían ás propiedades de cada quen ou dun lugar. Nomes dos lugares que son parte principal da historia dun territorio e das súas paisaxes habitadas. O topónimo é unha ferramenta para todos os traballadores da terra, representa a historia reconstruída. A tradición, os costumes da poboación ocupante do territorio.

Pero os topónimos semellan non ser inocentes dende o punto de vista ideolóxico.

A configuración e evolución dos topónimos do territorio galego no transcurso do século XX revelan ás claras o esforzo do réxime franquista e da ideoloxía que o sustentaba por modelar e controlar a paisaxe simbólica para adecuala á súa respectiva concepción da nación e da sociedade. A axitada historia da toponimia galega na era contemporánea resulta ilustrativa de como dende o poder se levan a cabo «políticas de memoria oficiais»: San Justo de Tojosoutos, La Puebla del Caramiñal, Rianjo, Noya, Sanjenjo, Puerto del Son...

Na actualidade, a desaparición da toponimia ten que ver con outras causas. Galicia é verde, pero ese verdor non é só dos prados, é tamén o dos toxos e xestas, as plantas da resignación, do abandono. O país está sendo abandonado, despobóase sen présa pero sen pausa levando consigo a toponimia local.

Nese drama silandeiro da emigración forzada, tamén a perda, a extinción dun topónimo, é un furado doloroso na paisaxe humana, na xeografía emocional da terra que habitamos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

Preservar a toponimia