«O idioma é o maior signo distintivo da personalidade diferenciada de Galicia»

PEDRO GARCÍA VIDAL

BARBANZA

Este noiés conta cunha admirable traxectoria de compromiso co país 

27 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Agosto na Alameda de Noia. Comparto café con Manuel Caamaño, persoa que admiro tanto no plano profesional ou académico como pola fidelidade do seu compromiso con Galicia. Mentres debullamos temas tecendo esta entrevista, o repaso a unha traxectoria tan extensa e chea de acontecementos senlleiros fai que a ledicia se troque en responsabilidade sobre que preguntar a este galego que encadramos xa que logo dentro dos bos e xenerosos.

-A arquitectura como profesión: Como ves o tema da arquitectura en Galicia na actualidade?

-A fundación na década dos 70 da Escola de Arquitectura Técnica e da Escola Técnica Superior de Arquitectura na Coruña fai que Galicia teña técnicos capacitados para crear e realizar obras diversas acordes con sistemas e pautas actuais. A miña experiencia como xurado dos premios de arquitectura Rodríguez Peña (Fundación Galiza Sempre) e da Fundación Juana de Vega fanme ter a firme convición de que é así.

-A arquitectura popular como paixón: Como se explica o arrasamento das vilas e aldeas de Galicia en comparanza co que sucede en Europa?

-A partir dos anos 50 e 60, a introdución na Galicia rural da economía de mercado e da urbanización sometérona a profundas alteracións no medio físico, nos modelos de vida e na cultura tradicional. Sen recambio, a aculturación invade os redutos rurais, e o territorio, a arquitectura popular e os espazos víronse fortemente afectados, sobre todo no litoral, con desfeitas notables nas vilas e aldeas. A maiores, o troco do valor tradicional do uso do solo (terra) polo valor de cambio afectará as entidades poboacionais (unhas 32.000) xerando unha especulación que suporá a desaparición ou degradación de construcións tradicionais, ou nacemento de bloques en calquera lugar, coa complicidade de técnicos e gobernos municipais, responsábeis en moitas das actuacións levadas a cabo.

-E sempre o compromiso con Galicia: Que é Galicia para Manuel Caamaño?

-A comunidade humana onde nacín e o país que descubrín fóra dela. Razóns de estudo e de traballo (1953-1963) leváronme a Barcelona e o sentimento da Terra que aniñaba en min axudoume a iniciar un proceso laborioso de autoformación, e sentir o deber moral de comprometerme nas tarefas de «facer país». E ata hoxe.

-Como era esa relación cos vellos galeguistas?

-O primeiro contacto foi con Ramón Piñeiro, co que mantiven unha intensa relación dende 1961. Retornado de Cataluña, presentoume algúns mozos nacionalistas e galeguistas, introduciume no consello editorial de Galaxia, e empurroume a integrarme no PSG. Con Piñeiro, e con outros galeguistas históricos, como Del Riego ou Dónega, compartín a entrega xenerosa que tiñan co país.

-Fálanos da Agrupación Cultural O Facho. Que supuxo esa experiencia de asociacionismo cultural?

-Xeracións nacidas nas décadas dos 40 e 50, que abrazaron o galeguismo/nacionalismo por vieiros diversos, deciden asociarse para crear conciencia galega moi enfeblecida polos avatares da guerra civil. Así naceu Brais Pinto (1958) en Madrid, O Galo (1961) en Compostela, a Mocedade Galega de Barcelona (1961) e, n?A Coruña, O Facho (1963), ao que me incorporei e fun o seu presidente de 1966 a 1979, responsabilidade da que gardo unha grata lembranza. Co principio de resistencia ao franquismo, o asociacionismo -que no 1975 andaba por un cento de agrupacións espalladas pola xeografía galega-, supuxo para miles de persoas a toma de conciencia cultural e ideolóxica. En O Facho realizáronse numerosos e esforzados traballos como ensino do galego, tratamento de temas socioeconómicos, de literatura infantil e de teatro, incidencia nos medios de comunicación, divulgación dos autoadhesivos Falemos galego e Galego na escola, publicación de varios libros?

-Como contempla o futuro do galego unha persoa coma ti que leva tantos anos de loita pola súa normalización?

-O idioma é o maior signo distintivo da personalidade diferenciada de Galicia e, anque o complexo de inferioridade que aqueixaba moitas persoas foise reducindo, aínda hai sectores e xentes do común que seguen nese comportamento. O máis ferinte na súa problemática é a actitude desleigada da Xunta que, entre outras medidas, rexeitou a imprescindible discriminación positiva; e tamén resulta moi negativa a actitude pasiva de moita mocidade e a non transmisión familiar do idioma aos fillos. Teño a esperanza de que haxa un espertar colectivo con conciencia plena do maior tesouro creado polo pobo galego.

Un dos bos e xenerosos

O seu compromiso con Galicia levouno a participar en tarefas asociativas culturais e de conciencia política

Noia, A Coruña, 2 de xaneiro de 1936. Aparellador e Arquitecto Técnico pola Universitat Politécnica de Catalunya, traballou en empresas construtoras como Agroman, e Dragados e Construcións, compaxinando esta tarefa coa de profesor na Escola Universitaria de Arquitectura Técnica de A Coruña na que permaneceu dende 1975 ata a súa xubilacións en 1999.

Logo da descuberta de Galicia en Barcelona, adoptará un compromiso firme co país de nacenza, que o levará a participar activamente en numerosas tarefas asociativas e en iniciativas e proxectos de carácter cultural, concienciador e político. De aí que fora: vicesecretario do Centro Galego de Barcelona (1958-1961), promotor do grupo cultural galeguista Mocedade Galega de Barcelona (1960), presidente da Agrupación Cultural O Facho (1966-1979), vicepresidente da Coral Polifónica Follas Novas (1967-1969); membro dos consellos das editoriais Sept (1969.1975) e Galaxia (1972-1980); membro fundador da aula coruñesa de cultura Lume (1975), da revista infantil e xuvenil Vagalume (1975), da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia Adega (1976), da Sociedade Cultural Escola Aberta (1978), e da Fundación Castelao (1983). Asemade, participou no nacemento das revistas Teima (1976) e Tempos Novos (1997).

No ano 1964 intégrase no grupo fundacional do Partido Socialista Galego, PSG, ocupando cargos de responsabilidade en diversas etapas, e formando parte das súas listas nas primeiras eleccións ao Congreso dos Deputados (1977) e na candidatura electoral Unidade Galega (PG, POG, PSG) para o Concello de A Coruña no ano 1979.

Colaborador en xornais e revistas, así como en publicacións colectivas con temática diversa, é autor de varios libros entre os que destacamos: Sobre Galicia como responsabilidade (1988), A casa-vivenda (1997), A casa popular e as construccións adxectivas (1999), As construccións da arquitectura popular. Patrimonio etnográfico de Galicia (2003), Dun tempo e dun país (2006).

Recoñecido con varios premios de investigación, na actualidade é académico correspondente da Real Academia Galega, e preside a Fundación Pedrón de Ouro.