«Estamos aproveitando o tirón do momento zombi»

BARBANZA

A caracterización de Castelao na montaxe é impresionante<span lang= es-es >. </span>
A caracterización de Castelao na montaxe é impresionante. d. gestoso< / span>

Destaca a dificultade que entraña estar máis de unha hora exercendo o papel de morto vivente enriba do escenario

20 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Zombies, a nova montaxe de Teatro do Improvisto, está conseguindo deixar ao público coa boca aberta, tanto pola temática, tan de moda na actualidade grazas a exitosas series de televisión, como pola caracterización dos actores. Ricardo Castelo é un dos mortos que cobra vida en cada escenario que pisa a compañía boirense. Este domingo, o elenco estará en Lousame, pechando a mostra de teatro local.

-Leva cinco anos participando en montaxes de Teatro do Improvisto, ¿esta obra supón un cambio respecto das anteriores?

-Claro que supón un cambio. O director sempre trata de variar a temática. Fixemos desde unha función para os cativos ata unha homenaxe a Woody Allen. Nesta ocasión, os personaxes teñen unha forma de moverse e de actuar moi características. Penso que é unha obra moi boa.

-¿Sube entón o nivel da compañía con esta montaxe?

-Sube moito o nivel. Para un grupo de sete persoas que somos, penso que demostramos que hai moito traballo detrás. Hai diferenza con respecto ao pasado.

-¿Que novidades lle ofrece ao público este espectáculo?

-É unha obra que chama a atención pola temática, pois está en auxe debido ás series de ficción. Estamos aproveitando o tirón do momento zombi. A caracterización e a maquillaxe son elementos destacados e hai que ter en conta que nós estamos máis dunha hora enriba do escenario, exercendo en vivo e en directo de mortos viventes.

-¿Un papel complicado entón?

-Por suposto, pero todos os personaxes teñen a súa dificultade. A min venme moi ben cambiar de rexistro, pois estou estudando artes escénicas e a miña prioridade é formarme como actor.

-¿Pensa que, tal e como está o panorama, é posible vivir das artes escénicas?

-Sei que é complicado, pero cando estás seguro do que queres facer tes que seguir adiante. Unha compañía ten que ter claro o que quere vender e, se o consigue, ten parte da partida gañada. No caso de Teatro do Improvisto, por exemplo, a resposta do público é sempre moi boa. No segundo pase de Zombies enchemos a casa de cultura da Cachada, que ten aforo para unhas trescentas persoas.

-¿Está xa a compañía preparando a seguinte sorpresa teatral?

-Pois si, empezamos hai un mes, pero é top secret total. O único que me atrevo a dicir é que vai seguir na liña de zombis, de medo, pero non vou desvelar cara a quen se vai canalizar esa sensación de terror. Tamén podo dicir que segue na liña cómica da compañía.

ricardo castelo actor de teatro do improvisto