«Carece de sentido gobernar para os veciños sen os veciños»

BARBANZA

Juan José Blanco Riveiro falou nos micrófonos de Radio Voz sobre os orzamentos, nos que aumenta a inversión en materia social.
Juan José Blanco Riveiro falou nos micrófonos de Radio Voz sobre os orzamentos, nos que aumenta a inversión en materia social. fran brea< / span>

O rexedor non oculta o seu malestar pola falta de apoio ao sector gandeiro

23 nov 2015 . Actualizado a las 11:22 h.

Mazaricos como sinal de identidade é o que define a Juan José Blanco Riveiro, alcalde dun municipio eminentemente gandeiro que fixo gala da súa condición capitaneando a loita do sector en defensa duns prezos xustos para o leite. Dende a súa chegada ao goberno local formouse unha asociación gandeira e o movemento asociativo e veciñal dinamizouse coa constitución da entidade cultural EuSonMazaricos e coa participación dos cidadáns en diversos eidos. Todo isto verase reflectido nas xornadas lácteas que terán lugar entre os días 27 e 29 e sobre iso, entre outros temas de actualidade, falou onte en Radio Voz Barbanza Juan José Blanco, que participou no espazo Cita co Concello.

Xornadas técnicas. O mandatario indicou que o propósito é que o aspecto profesional da feira vaia en aumento. Unha das novidades desta edición é que á implicación do Concello súmase a doutros colectivos, como EuSonMazaricos. Por iso, haberá visitas dos colexios á cooperativa Feiraco e a explotacións gandeiras, desenvolverase un concurso de muxido e estase levando a cabo outro de fotografía: «Hai unha participación activa por parte de todos». Blanco Riveiro foi contundente ao afirmar que «se fallan os gandeiros falla Mazaricos», dado que o 90% dos cidadáns viven do sector lácteo.

O acordo gandeiro. Non ocultou o rexedor o seu descontento polo que considera escasa implicación das Administracións co sector gandeiro: «O futuro é difícil salvo que as Administracións tomen medidas. Non houbo un cambio». Asegurou que os profesionais non queren percibir axudas, senón recibir un prezo xusto pola súa materia prima e non dubidou en manifestar que se pagan prevendas á Unión Europea. De igual xeito, indicou que non hai relevo xeracional para moitas granxas e que «o gandeiro ten que ir pensando en diversificar o produto. Non é doado porque o factor económico inflúe moito. Creo que a asociación de gandeiros está a facer un bo labor».

Supresión do pediatra. Nas últimas xornadas, ao rexedor tocoulle estar ao lado dos veciños, visiblemente enfadados polo feito de que non se cubra a baixa do pediatra. O que máis molesta ao alcalde é o feito de que a xerencia de atención primaria indique que os menores de 3 anos poden ser atendidos polo especialista en Santa Comba: «Dependendo do punto de Mazaricos do que vaian, teñen que facer 80 quilómetros, entre ida e volta. Ningún pode plantexarse facer 80 quilómetros para acudir ao pediatra». Sobre esta cuestión, Blanco Riveiro mostrouse incrédulo coa explicación dada polos responsables sanitarios de que non hai pediatras e que si os houbera terían que querer vir a Mazaricos: «Parece que é un servizo que queren que se vaia perdendo».

Desaparición do rural. Ao fío da supresión de servizos e a preguntas do delegado de La Voz, Ramón Ares, o rexedor afirmou que «a zona rural cada vez interesa menos ás Administracións. Son pasos para que o rural desapareza». Incluso, prognosticou que en dez ou doce anos a poboación de Mazaricos non superará os dous mil habitantes. No caso da consulta de pediatría, foi contundente: «Nós daremos a cara e pelexaremos pola nosa xente».

Relación cos veciños. Blanco Riveiro tamén abordou a relación do goberno cos cidadáns aos que, dixo, quere facer partícipes de todo: «Carece de sentido gobernar para os veciños sen os veciños. Eu podo explicar o que fago sen problema e se me engano tamén o digo sen problema. O obxectivo é que o traballo que se faga no Concello estea vinculado á cidadanía». De igual xeito, considera que os residentes deben ter unha parte crítica, pero tamén participativa.

Os orzamentos. O goberno acaba de aprobar os orzamentos, dos que dixo que aumenta a inversión no aspecto social. Indicou que co aforro en nóminas, 57.000 euros, foi posible incrementar a partida dedicada a turismo ou favorecer o impulso dos emprendedores. Tamén xestionaron novos prezos en materia de seguros, o que permitiu abaratar custes. O Concello pretende crear un viveiro de empresas e levar a cabo medidas como a promoción do Camiño de Santiago para que sexa fonte de riqueza.