Taragoña: os emigrados na Arxentina crearon unha escola en 1929

XOSÉ COMOXO / XESÚS SANTOS

BARBANZA

Pretendía redimir as novas xeracións da «esclavitud espiritual a que los tienen condenados las autoridades»

30 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A denominada Sociedad Instructiva Pro Escuelas de los Hijos de Taragoña foi fundada en 1922 polos taragoñeses emigrados na Arxentina. Nese cometido destacaron tres homes: Francisco Suárez, Felipe Tubío e José Otero, que soportaron a carga da organización cando había certas axitacións entre os asociados. Lograron salvar algúns obstáculos debido ao entusiasmo reinante. Só os movían dúas causas: manter os lazos de unión, e crear unha escola en Taragoña, coa finalidade de redimir as novas xeracións da «esclavitud espiritual, a que los tienen condenados las autoridades».

A súa primeira festa celebrárona no Salón Orfeón Español en 1924, para conmemorar o segundo aniversario da entidade. Ao ano seguinte, cando tiñan proxectada unha velada teatral e un baile a beneficio «de la caja social Pro Casa Escuela», deron a coñecer unhas notas de interese, asinadas polo secretario José Otero, nas que pedían axuda para restablecer a instrución en Taragoña, onde só había unha escola.

Grave accidente

A finais de 1925, José Otero, a causa dun accidente de tráfico, perdía unha perna. O festival de 1926, no que se representou a comedia dramática Ideas novas, escrita por el, realizouse a beneficio, non só da sociedade, senón tamén para axudar a Otero.

José Otero decidiu viaxar a Taragoña a descansar e, ao tempo, realizar unha importante misión, como era a de iniciar os trámites para construír o edificio escolar. Ao efecto, e xa na terra, creou unha subcomisión de veciños, presidida por Baltasar Quintáns. Visitaron os solares, situados en Campo de Pazos, dende onde se divisaban unhas vistas fermosas: «Domina limpiamente toda la comarca de Araño, Asados y sus montes hasta Vexo».

Taragoña contaba, en 1928, con algo máis de dous mil habitantes, e 470 nenos de ambos sexos, dentro da idade escolar. A pesar diso, o Estado non modificara o sistema «rústico» de ensinanza, «la misma y única escuela de hace 30 años, es la que hoy cuenta con una capacidad para 42 niños». Nese ano, coa asistencia de diferentes autoridades, entre elas o alcalde Mariano Rodríguez, procederon a colocar a primeira pedra da casa escola, acto que amenizou a banda de música de Bealo, que dirixía José Lorenzo. Ía ser un edificio no que habería dúas aulas para clases de ambos sexos; un patio para exercicios físicos; unha sala de primeiros auxilios; unha habitación para a dirección, secretaría e biblioteca, e, ademais, as habitacións necesarias para a vivenda do mestre.

Noticia da inauguración

A noticia da inauguración do edificio apareceu en setembro de 1928, e, novamente, ía amenizar o acto a banda de música de José Lorenzo.

En maio de 1929, os arxentinos organizaron un banquete para conmemorar o remate: «Al mismo asistieron una gran cantidad de comensales que aprovecharon la oportunidad para manifestar su amor al terruño con cálidas frases y su elogio a la entusiasta C. D. por la bella obra realizada».

En Taragoña, o edificio foi ocupado polo Pósito Marítimo Terrestre, de recente creación, e cuxa directiva, que presidía José M. Blanco, correrá cos gastos da instalación, que bautizaron co nome Colegio Rosalía de Castro. A vida da Sociedad Instructiva Pro Escuelas de los Hijos de Taragoña continuou o seu camiño, pero cun cambio na denominación: pasaron a ser Hijos de Taragoña.

O inmoble, co engadido superior, é hoxe sede do Centro Cultural