Loita entre probetas e tubos de ensaio

A sonense trata de descifrar o desencadenante da artrose a dos cancros de pel e mama


«Hai unha forza motriz máis poderosa que o vapor, a electricidade e a enerxía atómica: a vontade». A frase é de Albert Einstein, pero María Dolores Mayán emprégaa para apuntar cara o motor que empuxa a súa loita diaria, que non é outro que entender o mecanismo polo que se desencadean distintas enfermidades para desenvolver novos fármacos que permitan combatelas. Tres son os grandes males que nestes intres lle rouban o sono a esta veciña sonense e lle restan tempo libre: a artrose e dous tipos de cancro, o de pel e o de mama.

Grandes retos coma estes só poden ser afrontados por profesionais cunha traxectoria avalada pola súa vocación e por unha gran capacidade de esforzo. É o caso de María Mayán. Aínda que no seu día, as notas non lle permitiron estudar a ansiada carreira de Mediciña, lonxe de renderse puxo en marcha un plan B que culminou con notable éxito. Licenciouse en Farmacia pola Universidade de Santiago e, cando se marchou a Madrid para realizar a súa tese no Centro de Investigaciones Biológicas, o primeiro de España das súas características, xa tiña claro o camiño a seguir: «Dedicarme á investigación».

Da man de Bernardo Schvartzman e Marisa Martínez-Robles descubriu os segredos dun bo traballo de investigación. Tanto foi así que se doutorou cun sobresaliente cum laude na Complutense. Pero María Mayán aspiraba a máis. Quería completar a súa formación adquirindo experiencia nos grupos de traballo de maior prestixio e, con este reto na maleta, marchou cara os laboratorios dun centro pertencente ao Imperial College London, unha das mellores universidades a nivel mundial.

Con grupo de traballo propio

Aínda que esta loitadora sonense lembra aquela experiencia como «única e enriquecedora», non foi quen de gañarlle a batalla á morriña e viuse obrigada a regresar á súa Galicia. Fíxoo sabendo que o seu futuro tiña que pasar, obrigatoriamente, polo eido da investigación. Despois dun tempo formando parte da división de reumatoloxía do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña, a comezos deste ano, María Mayán veu recompesado o seu esforzo. Pasou a liderar un novo grupo de traballo no mesmo centro coruñés, coñecido como CellCOM-SB. Detrás deste acrónimo están 16 investigadores concentrados no estudo do papel que xogan unhas proteínas moi especiais denominadas conexinas e panexinas no desenvolvemento de enfermidades como a artrose.

O equipo capitaneado pola investigadora sonense non está só na súa loita: «Contamos con colaboradores en Canadá, Xapón e USA, así como en diferentes países europeos». O gran reto é entender o mecanismo polo que se desencadean enfermidades relacionadas con alteracións nas conexinas para desenvolver fármacos que permitan combatelas. De feito, ademais da artrose, o cancro de mama e o de pel están no punto de mira do grupo de María Mayán.

A veciña de Porto do Son soña con culminar a súa brillante traxectoria obrando o milagre: «No caso da artrose, estamos achegándonos a ese mecanismo que pode explicar a dexeneración do cartílago e pode darse o caso de que en breve se atope un fármaco que, polo menos, palíe os efectos da enfermidade. O problema do cancro é máis complexo, porque hai distintos tipos en función dos factores que o desencadean».

Pero María Mayán non perde a esperanza. Confía nun golpe de sorte pero, sobre todo, na súa capacidade de traballo e na vontade que sempre amosou. Por seguir investigando está disposta incluso a renunciar á posibilidade de darlle un irmá á súa Jimena, pois considera difícil compaxinar o seu traballo con dous cativos. Só pide que os gobernantes recoñezan o seu esforzo e os dos seus colegas, valorando a importancia desta profesión.

maría dolores mayán investigadora biomédica

Licenciouse en Farmacia pola Universidade de Santiago no 2000. Seis anos despois doutorouse na Complutense de Madrid.

Estivo catro anos traballando en Londres, en dous laboratorios dependentes do Imperial College London. No 2010 incorporouse ao Instituto de Investigación Biomédica da Coruña.

O seu equipo recibiu no ano 2013 dous premios de investigación por atopar unha nova diana terapéutica para o tratamento de artrose e rexistrou unha patente.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Comentarios

Loita entre probetas e tubos de ensaio