«Galicia non pode estar ausente nos debates políticos que se van abrir»

BARBANZA

Rosana Pérez
Rosana Pérez

A deputada pobrense afirma que se vai entrar nun momento clave

18 oct 2015 . Actualizado a las 11:58 h.

Entre a meseta e a ría de Arousa, Rosana Pérez está a punto de pechar a súa primeira etapa como representante do BNG no Congreso. Tomou posesión o 9 de outubro do 2012 e, precisamente, será dentro de nove días cando se disolvan as Cortes ante a celebración de eleccións o 20 de decembro. Neste momento é unha incógnita se a deputada da Pobra repetirá ou non na candidatura ao Parlamento español. Ela, cando se lle pregunta por esta cuestión, afirma: «Política non se fai só nas institucións. É moito máis importante a política que se fai na cidadanía». Rosana Pérez é unha das que se adheriu á denominada Declaración de Conxo, onde se recollen os obxectivos de Iniciativa pola Unión, a plataforma, na que está o BNG, que persegue a formación dunha candidatura unitaria de esquerdas para presentarse aos comicios estatais.

-¿Ve factible a candidatura unitaria de esquerdas?

-Está tendo atrancos. O principal foi a presentación dun preacordo entre Podemos, AGE e EU porque aparentemente se descolgaba unha parte. Non está todo pechado, eu agardo que os que dixeron toda a vida que pensaban en clave de país sigan pensando en clave de país.

-¿Considera que é necesario para Galicia que frutifique?

-Si, dende logo. É necesario para ter un grupo parlamentario galego en Madrid.

-Sen embargo, implica certo risco para o BNG, que ten unha longa traxectoria de representación no Parlamento e que se suma como un membro máis a esta plataforma.

-O BNG é consciente do que entraña desde que tomou a decisión de impulsar o movemento social. Sabemos que hai riscos, pero Galicia non pode estar ausente nos debates políticos que se van abrir, xa o estivemos na transición. Estamos nun momento político no que se van poñer enriba da mesa cuestións nas que debemos estar como país. Sería pouco cabal manter as nosas siglas. Hai que dar pasos para conformar esa candidatura sabendo que imos facer táboa rasa, pero entendendo sempre que esa candidatura non pode ter ningún tipo de dependencia nin obediencia allea aos intereses de Galicia. Partindo da base de que Galicia é unha nación, queremos que estea presente en tódolos debates que se produzan e nas eventuais reformas da constitución. Ademais, o BNG non desaparece, segue sendo o BNG, coa excepción deste caso concreto na candidatura ao Parlamento español. O obxectivo é ter presenza en Madrid.

-Está a punto de rematar tres anos como deputada no Congreso, ¿Madrid está afastado dos problemas de Galicia, da súa realidade?

-Terriblemente afastado. Non hai máis que ver a prensa de Madrid e os discursos dos partidos estatais cando plantexamos iniciativas sobre Galicia. Sempre as pensan cunha mentalidade centralista e case nunca para aprobalas. Un exemplo, cando reclamamos a transferencia nas competencias en materia de Salvamento, o ataque que o BNG recibiu do PSOE foi furibundo. O representante de CIU iniciou a súa intervención dicindo que Cataluña tamén ten mar, pero menos problemas en materia de salvamento e que entendía que reclamásemos esa competencia. Todo se mira dende unha óptica de competencias estatais e sen unha mínima apertura para estudar cambios.

-Pero houbo outras cuestións rexeitadas que non afectaban ao ámbito das competencias.

-Un exemplo diso é unha iniciativa que presentamos na que poñiamos de manifesto que a convocatoria de becas discrimina ao alumnado do rural galego. Entrevisteime co secretario de Estado de Becas e recoñeceume que os criterios para a concesión están pensados para lugares como Estremadura ou Andalucía.

-Vostede recibiu unha rotunda negativa do ministro de Industria José Manuel Soria á súa proposta de que se reducise a tarifa eléctrica ás comunidades que producen máis enerxía da que consumen. Tamén neste caso se tratou a Galicia de xeito distinto.

-Cando se aprobou a nova lei do sector eléctrico o Goberno vasco chegou a un acordo para ter unha tarifa diferente. Nas illas é máis baixa que no resto do Estado. Galicia exporta a maioría da enerxía eléctrica e aínda hoxe en día padecemos que as compañías non teñan modernizadas as instalacións para que a enerxía chegue adecuadamente. Outro aspecto que incide é o relativo ao transporte, ¿por que se nos cobra cando non ten o mesmo custe que levala a outro lugar? Iso podería permitir que as nosas empresas fosen máis competitivas. Outra vez, dun xeito centralista se nos nega algo que outros conseguen. Iso está moi relacionado co peso político. O Goberno vasco logrou o seu propósito porque fixo cuestión diso. Na Xunta non hai unha política de posta en valor do propio.