O xenio incontrolable dos Heredeiros

BARBANZA

O ribeirense explota un talento innato que foi o xerme do maior grupo da historia barbancesa

20 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Ninguén sabe se foi Tuchiño o que se atopou coa música, ou se foi ao revés. A resposta non ten maior importancia, porque a fin de contas acabaron encontrándose. Era unha consecuencia inevitable; dende que Tuchiño era un cativo pedíalle a seus pais que lle comprasen unha guitarra: «Íamos polas festas e eu víaas colgadas dos postos e xa lle pedía aos meus pais que me comprasen unha. Ía con eles á festa, pero non me interesaba, o único que quería era chegar á casa e facer que tocaba».

A música xa formaba parte da familia antes de que Antonio Novo se convertera no Tuchiño dos Heredeiros da Crus. Seu tío encargouse deso, o tamén músico foi o que lle regalou a primeira guitarra española que tocou as súas mans. Aínda que pareza estraño, quedou esquecida no salón da casa dos seus pais: «Era tan vago que non quería aprender. Un verán chegou un colega vasco que veraneaba en Castiñeiras, Jon Ander, e púxose a tocala. El foi o meu primeiro mestre. Foime ensinando os primeiros acordes e punteos». Cando rematou o verán, Tuchiño retouno: «Díxenlle que cando volvese ao ano seguinte sabería tocar mellor ca el a guitarra».

O ribeirense cumpriu coa súa palabra. Cando Ander chegou, Tuchiño «xa lle pegaba un repaso». É aí cando comeza a eterna loita do guitarrista na busca dun grupo no que imitar aos seus ídolos. «O primeiro grupo serio foi Heredeiros; antes tocara con colegas, pero era algo para pasar o tempo». Pouco a pouco foi xuntando xente: o primeiro foi Toñito de Poi, co que xa estudara na escola, logo entrou Javi, O Fillo da Necha: «Éramos colegas no instituto de FP de Coroso». Fran Velo chegou no sitio de Juan, que non quixo seguir na música.

Condición a Toñito

A única condición que lle puxo a Toñito para crear o grupo foi que el se encargaba de compoñer. Comezaron tocando versións de temas de Héroes del Silencio: «Xa tiñamos temas como Puta Cabuxa, pero eran cancións que facíamos para pasar o rato e botarnos unhas risas, non pensábamos que sería iso o que íamos acabar tocando».

O primeiro roce coa fama foi trala chamada da Televisión de Galicia. «Querían que fósemos á tele, pero tíñamos que gravar unha maqueta antes de facelo. Fomos a un estudo de Vigo sen ter nin idea, o único que queríamos era ter esa gravación para ensinar na tele».

Temas serios

Ao chegar ao estudio, comezaron a tocar os temas que eles consideraban serios: «Empezamos coas nosas versións de Héroes del Silencio, críamos que iso era o que querían escoitar». Cando apenas tiñan tempo para seguir gravando, decidiron tocar de Puta cabuxa: «Era para levala de recordo, sempre nos botábamos unhas risas coa canción e tiñamos ilusión de gravala». Ao instante, as caras dos técnicos de son cambiaron: «Cando saímos de gravala preguntáronnos se tiñamos máis temas deste tipo. Dixémoslle que os había a quilos, foi nese momento cando nos ofreceron gravar un disco con eles e comezamos en serio».

A partir de aquí a historia xa a coñecen tódolos fans. Os dez cedés avalan a traxectoria da banda. Os centos de concertos en tódolos puntos de España, ante milleiros de espectadores, demostran a importancia que terán Heredeiros co paso dos anos.

A decisión de volver tralo parón de oito anos, foi «polas ganas da xente. Para o primeiro concerto venderon tódalas entradas en menos de tres días. Non podíamos crelo». Agora Tuchiño atópase nun «momento marabilloso. A música é todo para min, funciono con ela. Dende que me levanto ata que me durmo». De neno xa o demostraba.

Antonio Novo suárez, «Tuchiño» músico