Unha Virxe do pobo e para o pobo

UNAI GONZÁLEZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

16 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Como un cativo ilusionado agardo coa fiestra aberta a que estoupe o primeiro foguete do día, aquel que é sinal das vinte restantes bombas de palenque, das alboradas que darán comezo ás ruadas de gaitas do País, á melodía das bandas de música, á ledicia dos nenos nas barracas e á música das verbenas coas que botar unha peza? en fin, o chupinazo que arranque cos festexos desexados, os máis solemnes á vez que alborozados, os do meu pobo, a Festa do Carme.

Aguiño é unha parroquia relativamente nova, fundada o 9 de maio de 1959 ven a encher o baleiro do municipio de dedicar unha parroquia á Patroa da xente do mar, e así foi decidido polos sacerdotes de Postmarcos de Abaixo a proposta de Alejandro Bello, párroco de San Paio, quen tamén solicitou segregar o noso pobo da nai/irmá Carreira.

Así chegou don Paco a Aguiño, procedente de Sada e natural de Porto do Son, tiña sangue salgada, pois era orfo de mariñeiro afogado e súa nai rexentaba uns efectos navais no porto da Coruña, barrio no que Francisco medrou. Ademais de mar sabía de Igrexa, pois era Teólogo, licenciado pola Gregoriana de Roma. Co apoio do pobo fixo medrar unha parroquia e crear unha comunidade unida e forte, fundar numerosos colectivos... pero iso xa o sabedes, aínda que convén lembralo para que non se perda na memoria nin na historia de nós mesmos e do que somos.

A imaxe do Carme foi primeiro a do Rosario tuneada, xa que non había cartos para mercar unha propia e Aguiño contaba xa coa outra; máis tarde á nova quitaríanselle dous mariñeiros para que pesara menos, e así ata estar presente nas Romaxes en Couso, saír de noite a percorrer as rúas ou levar o emblema do Nunca Máis o ano no que aquel petroleiro vello enchoupou todo.

Esa é a Virxe dos mariñeiros, a que sempre saíu a navegar no seu propio día, o 16 de xullo, fose nun cerqueiro, palangreiro ou planeadora cando as procesións estaban case prohibidas; nosa Nai do Carmelo que protexe das tempestades e das treboadas, que axuda a encher o aparello e chegar a porto cando o mar rompe no Serriño e agacha a Douriseira?

Esa é a Virxe que todos os que queremos podemos levar a ombros, homes e mulleres, sen máis explicacións nin permisos que a fe que lle procesamos.

Por iso, coma un cativo esperanzado e tamén nervioso agardo a que chegue a xornada do 16 de xullo, pola miña festa, polo día no que poida volver a cargar nas costas a quen tanto venero, a quen tanto debo, á Nai e Señora que soubo darme forzas nas debilidades da vida e foi quen de alentarme en cada instante de fraqueza. Viva Aguiño, viva a Festa do Carme!.