A Pitusa máis coñecida de Galicia

BARBANZA

Á dereita, Ana Santos con César Cambeiro nunha das últimas funcións de Xardín Suspenso, un espectáculo do Centro Dramático Galego. Arriba, nunha escena de Mareas vivas, a serie que marcou a súa estrea televisiva.
Á dereita, Ana Santos con César Cambeiro nunha das últimas funcións de Xardín Suspenso, un espectáculo do Centro Dramático Galego. Arriba, nunha escena de Mareas vivas, a serie que marcou a súa estrea televisiva. cedidas< / span>

O personaxe que encarnou en «Mareas vivas» marcou o despegue da mazaricá

07 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai quen, desde moi novo, ten claro o camiño profesional a seguir. Por contra, outros van subíndose aos trens que o destino pon na súa porta. Neste segundo grupo encaixa Ana Santos. Case sen darse conta, esta veciña de Mazaricos foi mergullándose no mundo da interpretación hasta chegar a unha serie que marcou un antes e un despois no eido audiovisual galego, a exitosa Mareas vivas. O personaxe ao que encarnou aínda é hoxe en día a Pitusa máis coñecida de Galicia.

Pero, coma os mellores loitadores, a carreira de Ana Santos comezou por abaixo, na dobraxe. Corrían os anos 80 e a TVG iniciaba a súa andaina cando a casualidade levou á mazaricá a poñerlle voz a coñecidos actores: «Eu nunca antes pensara en ser actriz. Era un mundo que me gustaba, claro, pero non vía o camiño para conseguir tal cousa. A miña irmá viu un anuncio no xornal, sobre unha proba para dobradores, e alá fun».

Unha década despois, no 1995, Ana Santos daba o salto ao teatro. Recoñece que naquela ocasión si que deu ela o paso porque perseguía promocionarse, saír fóra das catro paredes do estudo de dobraxe: «Montei unha compañía propia, Alba, e con ela montamos As criadas». Despois da estrea no teatro, precisou pouco tempo para ser tida en conta por Voz Audiovisual, a produtora de Mareas vivas. No 1998 xa estaba convertida en Pitusa. A empresa seguiu despois confiando nela para series que tamén deixaron unha fonda pegada como As leis de Celavella e Padre Casares.

Nin que dicir ten que a serie gravada en Laxe supuxo o despegue definitivo da actriz de Mazaricos, aínda que ela nunca deixou de lado as súas orixes, ao contrario, asegura que sería incapaz de facelo: «A dobraxe sempre estivo aí, nunca a deixei nin teño pensado facelo, aínda que agora mesmo hai pouco traballo, menos que nunca».

Elección imposible

Ata o de agora, Ana Santos foi quen de compatibilizar os tres piares da súa traxectoria profesional: dobraxe, teatro e televisión. E menos mal, pois declara que lle resultaría imposible elixir un: «Son tres maneiras de interpretar, pero trátase da mesma profesión. O fermoso disto é precisamente poder alternar, cambiar de aires». Declara tamén que, despois de estar na pel de tantos personaxes, tampouco pode decantarse por un, nin sequera pola Pitusa coa que a seguen a identificar na rúa: «Son de querer moito aos meus personaxes, a todos, porque me entrego moito. Non me quedaría con ningún porque o que busco precisamente é cambiar, iso é a interpretación».

Afeita a que o destino lle vaia marcando o camiño a seguir, sen ser ela a que teña que tomar a iniciativa, a actriz de Mazaricos nunca buscou dar o salto á gran pantalla. Iso si, recoñece que non lle importaría probar sorte na sétimo arte: «Apetéceme o cine, si, pero eu sempre me deixei levar polo que ía xurdindo e, de momento, esa posibilidade non se me atravesou no camiño. Agora si, se o cine ten que chegar, que sexa benvido, pero non o pido custe o que custe».

Sen grandes ambicións

Das palabras de Ana Santos despréndese que non se trata dunha persoa ambiciosa, nin sequera a nivel profesional, ao contrario, amósase como unha namorada da interpretación e unha persoa que soña só con seguir meténdose na pel de distintos personaxes: «O único que pido é poder vivir do meu traballo dignamente».

Pero, nestes momentos, os sinxelos desexos da actriz de Mazaricos non son nada doados de cumprir. A crise golpeou con forza o eido cultural e iso repercute directamente no calendario laboral desta e doutros intérpretes, aínda que Ana Santos é optimista: «Cada vez hai menos axudas e os orzamentos dos concellos tampouco dan para contratar espectáculos teatrais. Aínda así, eu quero pensar que se trata dunha etapa e que o panorama vai cambiar en breve».

A mazaricá recoñece que en materia de dobraxe apenas hai actividade, ao igual que no eido televisivo. Nestes momentos, o teatro é a súa táboa de salvación. De feito, Ana Santos ven de rematar co Centro Dramático Galego a xira de Xardín suspenso, unha función dirixida por Cándido Pazó, e está en pleno proceso de representación de Cyrano coa compañía Galileo.

ana santos actriz