«Rianxo é un dos concellos de Galicia con maior número de cruceiros e de gran valor»

Recompilou nun libro que esta tarde será presentado no auditorio todas as cruces existentes no municipio


É de Terra de Montes, na provincia de Pontevedra, pero a súa paixón pola arte románica levou a Xesús Antonio Gulías a visitar Rianxo, seguindo os pasos de Castelao e da súa obra As cruces de pedra na Galicia. Nesta localidade de Barbanza, o antropólogo descubriu un feixe de cruceiros de gran interese, con historias que o deixaron perplexo. Recompilou toda a información nun libro que hoxe se presenta no auditorio da localidade, ás 20.30 horas.

-¿Como foi parar ao territorio rianxeiro?

-Fun parar a Rianxo porque Castelao sempre me trouxo de cabeza, desde que era pequeno. Fun por alí en varias ocasións, cando tiña en marcha en Internet a páxina Cruceiros de Galicia e vin a riqueza que tiña esa zona na materia. Foi así como me decidín a completar o libro de Castelao As cruces de pedra en Galicia.

-¿Resultoulle máis difícil do que cría levar a cabo esta compilación?

-Levoume moito tempo, non só pola descrición dos cruceiros, senón pola recollida de información sobre cada un deles. De algúns hai moi poucos datos escritos e hai que recorrer á tradición oral. Tamén tiven que acudir a tres persoas do lugar que me foron abrindo o camiño, xa que boa parte das cruces están en fincas particulares.

-¿Que foi o que máis lle chamou a atención mentres estaba realizando este traballo de investigación?

-Chamoume a atención, por exemplo, o cruceiro da Laxe, do que xa falaba Castelao; pero, sobre todo, o de Santa María do Nadal, na parroquia de Araño. É un cruceiro baixo baldaquino que mandou construír un cóengo de Santiago. Hai uns cantos en Galicia deste tipo, pero parece ser que este era moi grande e interesante. O que ocorre é que xa non está completo, queda a vara, a base, parte do capitel e unhas escaleiras, que non se sabe ben se orixinalmente tiña máis.

-¿Estamos diante dunha riqueza patrimonial importante?

-Si, por suposto. Rianxo é un dos concellos de Galicia con maior número de cruceiros e de gran valor, xunto con Boiro, Meis e A Guarda. Neste municipio hai pezas que datan de 1636. Tamén hai cruces que destacan pola calidade, xa que se trata dunha zona na que traballou moito o Santeiro da Chave. Hai unha riqueza patrimonial interesantísima.

-¿Pensa entón que sería necesario empezar a pensar en conservar este patrimonio?

-Non cabe dúbida algunha de que sería necesario preservar os cruceiros. Penso que nestes momentos se atopan nun estado de conservación bastante bo, pero hai que incidir na súa preservación, prescindindo de todos os aspectos relixiosos, tendo en conta só que se trata de elementos etnográficos representativos da nosa terra.

-¿Que busca con este libro que hoxe sae á luz?

-Busco dar a coñecer esta parte do patrimonio, pero tamén conseguir que os veciños valoren o que teñen e tomen conciencia da necesidade de conservar esta riqueza e transmitila.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

«Rianxo é un dos concellos de Galicia con maior número de cruceiros e de gran valor»