Homenaxe no centenario da «Metamorfose» de Kafka

EME CARTEA

BARBANZA

29 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Franz Kafka (1883-1924), xudeu de pai autoritario, levou unha vida escura, retraída e melancólica. Autor de obras coma O castelo, O proceso, Carta ao pai... escribiu A metamorfose en vinte días, no 1912, e foi publicada en 1915: novela curta (ou conto longo) no que, segundo Borges, «o argumento e o ambiente son o esencial». Definida polo propio Kafka como «asunto nauseabundo» e «arrepiante», cando a les, renaces... «transformado» e talvez «demasiado humano». Como un símbolo aberto a todas as interpretacións, nela hai distanciamento irónico, e mesmo humor, que nos concita certa tenrura compasiva.

Kafka, senlleiro e afectado de tuberculose, ao final da súa vida ordena queimar todos os seus manuscritos. Por sorte para nós, o seu amigo Max Brod desobedéceo.

Ben, pois tamén Manuel Ayaso desoíu outro explícito desexo de Kafka: que o «insecto» non fose debuxado nin mostrado. Pero é moita a ascendencia que o escritor alemán exerce sobre o artista aguiñense, e máis a admiración que este lle profesa. O mesmo ca a Lorca, a Valle-Inclán ou a Borges.

Acerto na tradución

O pintor acerta na tradución: capta con solvencia esa atmosfera orixinal, pechada, onde se oficia a dexeneración humana ata o total grao de destrución física e espiritual: «Ao espertar Gregorio Samsa, logo dun soño inquedo, atopouse no seu leito convertido nun monstruoso bicho». Así se inicia, coma quen non era cousa. Todo aparentemente normal... agás que o protagonista teme chegar tarde ao traballo por causa desta «lixeira indisposición».

Un tema recorrente. Xa no esbozo dun conto anterior, Preparativos de voda no campo, escribe: «Cando estou na cama, creo ter a silueta dun coleóptero... ou dun abellón... E logo apáñome para facer crer que vai dun soño invernal e aperto as patiñas contra o meu ventre inchado». Resonancias do «dinosauro» de Monterroso?

Participa Ayaso do abraio familiar de Samsa, mais sabe captar -sen noxo- non só a simplicidade e coherencia abraiantes da escena, senón tamén o poder dun rostro, nesa ollada medio humanoide que exerce como unha súplica estraña a par dunha fonda resignación. Tal que se asumise o proceso (Xosé K. d?O proceso?), lento e irremediable, dunha culpa orixinal e a súa penitencia.

Esa comuñón artística Ayaso-Kafka actívase no lenzo: o gran pintor humanista en diálogo cun dos grandes moralistas da modernidade. Obras alegóricas que se abren á confrontación cruel do home co home, coa sociedade, con Deus (xa morto con Nietzsche). E coa súa desaparición.

Pintura «kafkiana» de cores marróns e sombrizas e tons terrosos, que reflicten a angustia do home, a desolación, o absoluto nihilismo, como unha experiencia insondable da existencia. Apenas sentimentos nin caracteres, senón o ser animal, ontolóxico, sen ornamento nin adiamento. Un monólogo da desesperación primordial: a vida que non nos merece.