«Queremos rematar de desempeñar o Concello; o que aquí había era inconcibible»

BARBANZA

marcos creo

A punto de cumprir os 61 anos, non pensa en retirarse nin moito menos: «Estariamos bos se as ideas se xubilasen»

09 may 2015 . Actualizado a las 05:05 h.

Un libro

La invención del pasado Unha película

Costa da Morte

Un espazo

A Parronca (Lariño) Un político

Moncho Valcarce Unha cidade

Ningunha. Son de aldea Unha comida

Como de todo Un deporte

Pesca e sendeirismo Un personaxe histórico

Basilio Álvarez

Unha canción

Summertime

Un desexo

A xustiza social

A conversa con Ramón Noceda (Lariño, 1954) empeza co candidato do BNG de Carnota contando unha anécdota do seu nacemento. Di que veu ao mundo nunha corte de cabalos dunha casa de Lariño. E aproveita para reivindicarse como un «rapaz de aldea» idéntico ao Balbino creado por Neira Vilas. Acto seguido, tras lembrar que vai para os 61 anos, rectifica: «Máis ca un rapaz son un vello de aldea». Deixa en bandexa a primeira pregunta.

-Vai para os 61 anos pero non ten pinta de pensar, nin de lonxe, no retiro, por algo é candidato.

-Estariamos bos se as ideas caducasen e se xubilasen. Teño forza para continuar.

-Leva catro anos de goberno en minoría, ¿sentiuse cómodo, foi unha experiencia fácil?

-Nin me sentín cómodo nin foi unha experiencia fácil. Resultou moi difícil por dúas cousas. A falta de entendemento coa oposición e a débeda que nos atopamos ao chegar ao Concello. Agora andan dicindo por aí que debemos máis ca antes. É mentira, soamente hai que saber sumar. Pasamos dunha débeda de 4,5 a 2,6 millóns. E para iso houbo que facer sacrificios, os servizos aos veciños quedaron relegados. O noso logro foi manter eses servizos, pero tivémolo que facer mentres estabamos moi agobiados pola débeda

-O BNG non se entendeu con ninguén para gobernar en Carnota, ¿por que?

-Pois porque as outras forzas non tiñan vontade de servir aos veciños. Nós, e falo do BNG, non de Moncho Noceda, acordamos que non pactábamos co PSOE porque o único que lle interesaba era saber canto ían cobrar. O resto dáballes todo igual. Non había vontade de servizo.

-¿E no futuro, se os votantes volven deixar un escenario similar ao dos últimos comicios, vostedes pactarían con alguén?

-O futuro ninguén o sabe así que non vou contestar a iso agora. O que digo é que eu pactaría con quen tivese a vontade de vir traballar polos veciños.

-¿Aínda que esa vontade viñese da man do PP?

-¿Que boa vontade vai traer o PP se nos están recortando ate a cabeza? Iso é imposible.

-¿Cales son as liñas mestras do programa do Bloque?

-Queremos recuperar a xestión dalgúns servizos públicos, como é o caso da auga. Tamén nos comprometemos a seguir loitando polo noso patrimonio, a natureza e o deporte. Por exemplo, gustaríanos facer un pequeno museo arqueolóxico.

-¿E no plano económico, hai que seguir tomando medidas a conta da débeda existente?

-Si. Queremos rematar de desempeñar o Concello; o que aquí había era inconcibible. Se o chega a ver un fiscal ou un auditor non sei o que faría... Atopamos facturas e facturas no caixón. Aínda estamos pagando cousas que atopamos do ano 1993. Nós queremos adaptar Carnota a súa realidade de 4.000 veciños e non facer obras faraónicas que non levan a ningunha parte.

ramón noceda alcaldable do bloque de carnota

«Carnota ten que adaptarse á súa realidade de 4.000 veciños e non facer obras faraónicas»

«Eu pactaría con quen tivese a vontade de vir traballar polos cidadáns»