A santa educación

Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

29 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Xulio está convencido de que moitos dos nosos ministros celebrarían con misa solemne e unha semana de xaxún que as aulas da universidade se instalasen nas bancadas das catedrais, e nas igrexiñas rurais as escolas de primeiras letras, que o púlpito fose a cátedra desde a que nada se pode negar e os cregos, funcionarios do Ministerio de Educación. E descríbenos o dedo acusador percorrendo as distintas iconas do templo para explicar como a xustiza se ceba no xuízo final para xustificar as inxustizas de cada día ou como ser pobre é un mérito do que só se goza tras o paso polo cadaleito.

Di Xulio que cando se ía camiño de adestrar as mentes para que prevaleza a tolerancia e o respecto ó diferente e a razón sobre o mito, vén a enésima reforma educativa a convencernos de que a cidadanía non se educa con tratados de urbanismo senón co catecismo, ese compendio de saberes que nos explica que os bos son os dóciles e os malos os preguntóns, que hai un ser superior no ceo, e na terra unha caterva de dirixentes a quen habemos de obedecer mansamente como soldados en pé de guerra. E se ben non é doado ensinarlle a uns rapaces que malamente son quen de facer unha regra de tres que o universo naceu como vítima dun exceso de concentración de materia ou que habitamos sobre a moxena dunha bomba que estalou hai case catorce mil millóns de anos e aínda segue expandindo as súas faíscas polo universo, a púrpura eclesiástica, facendo un esforzo sobrehumano, acepta a teoría do Big-Bang porque dalgún xeito serve para xustificar que alguén con só chiscar os dedos foi quen de crear o Mundo.

E como non lles é doado entender todo iso como a obra dunha reacción físico-química, as mentes embonetadas prefiren achacalo á fantástica obra dun mago capaz de argallar tal desastre dándolle volta á chisteira, e abrindo sobre os pupitres as fantasías bíblicas como se fosen verdades absolutas, nese difícil equilibrio por unir a razón coa crenza ou o cálculo matemático coa inventiva literaria, evidentemente dándolle preferencia á crenza sobre a razón e á fantasía sobre o cálculo.