A voz que bebe das raíces galegas

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

Despois do paso por Fía na Roca, prepara o seu primeiro traballo en solitario

18 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi da man do seu pai, afeccionado á música galega, como Sonia Lebedynski entrou en contacto coa cultura do país, coas súas tradicións e coas cancións populares. Era unha cativa de tres aniños e xa contribuía a manter viva a pegada dos músicos ancestrais. Lonxe de camiñar cara outros estilos a medida que ía medrando, foi especializándose cada día máis no folk no seo de bandas como Elviña-Castro da Coruña e Vai-T Embora, a primeira formación da que foi solista.

Esta boirense de adopción tiña 13 anos e xa percorría Galicia espallando a música tradicional con artistas como Susana Seivane, integrante tamén por aquel entón de Vai-T Embora. Foi precisamente con ela, con quen Lebedynski daría un paso decisivo na súa carreira. Trala desaparición desta banda, Seivane iniciou a súa carreira en solitario gravando o seu primeiro disco. Sonia Lebedynski non só colaborou neste traballo, senón que participou durante tres anos como voz, percusión e teclados nos directos.

Foi precisamente nun deses concertos, nun festival en Barcelona, no que a voz da boirense chamou a atención dos membros dun dos grandes grupos do folk galego: «Como era menor de idade, tiña 15 anos, cada actuación requiría un proceso burocrático que naquela ocasión non concluíra de xeito positivo. O goberno catalán denegárame o permiso para subir ao escenario e foi entre bambalinas onde Fía na Roca se fixou en min», lembra.

Chamárona para colaborar no terceiro disco, Contravento, e ao longo dun tempo Sonia Lebedynski compaxinou os directos de Seivane e os de Fía na Roca, ata que lle propuxeron formar parte do grupo. Unha década completiña estivo a boirense percorrendo os escenarios coa prestixiosa banda. Dez anos cheos de anécdotas e de momentos inesquecibles, sobre todo un: «Foi no 2007, no teatro Solís de Montevideo. As entradas esgotáranse días antes e os espectadores puxéronse en pé en varias ocasións. Foi unha responsabilidade e un pracer defender alí a música galega».

Camiño en solitario

Pero como a todo nesta vida, a Fía na Roca tamén lle chegou o seu fin. Hai un lustro, os membros da banda decidiron iniciar camiños en solitario. «Chegou o momento de pechar un ciclo e de atender as inquedanzas persoais. Eu tiña a espiña cravada dun disco en solitario e niso estou», explica Sonia. De feito, a artista está convencida de que ese esperado traballo verá a luz en breve: «Houbo algunha que outra paréntese, pero este 2015 será o ano da gravación». É un traballo que pretende ser unha retrospectiva do seu paso polo mundo da música: «Quero que represente unha ollada ao pasado, ao que aprendín de toda a xente coa que colaborei. Quero que reflicta o meu compromiso coa música tradicional». De feito, incluirá a canción que, con tres anos, aprendeu do seu pai.

Pero este non é o único proxecto que Sonia Lebedynski ten entre mans. Despois de que hai unhas semanas vira a luz Non hai berce como o colo, un disco de nanas en galego no que a boirense comparte protagonismo con outros cantantes, en breve comezará a gravar outro traballo, tamén para o público infantil, con Serxio Tanus. Ela considérase unha loitadora nun mundo, o da música galega, cada vez máis complicado: «Por unha banda xorden cada día gran cantidade de propostas no eido cultural, pero por outra, o apoio das Administracións é cada vez menor».

Coma outros guerreiros que están lidando esta dura batalla, Sonia Lebedynski di que ilusión e gañas ten dabondo.

sonia lebedynski cantante