O BNG noiés avoga pola xestión mancomunada dos servizos públicos

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez NOIA / LA VOZ

BARBANZA

13 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Na última asemblea aberta que o BNG de Noia vén desenvolvendo nas últimas semanas boa parte do debate centrouse na fusión de concellos, e máis concretamente no caso de Noia e Lousame. Neste sentido, o Bloque reitera o seu rexeitamento ante esta posible fusión, pero como alternativa propón a xestión comarcal ou mancomunada dos servizos.

Tendo en conta a realidade social e demográfica da zona e en vista do resultado de iniciativas como a xestión conxunta dos residuos a través de Serra do Barbanza, o BNG conclúe que a prestación de determinados servizos «temos que facelo de xeito comarcalizado ou mancomunado».

O que si rexeitan totalmente os nacionalistas noieses é a fusión con Lousame, pola que «o PP nestes últimos anos mostrou interese». Neste sentido, din os frentistas que «a escolla do candidato popular á alcaldía de Noia forma parte tamén desa estratexia de fusión». E para rematar, engaden que o fin último desta unión «non sería a mellora do benestar dos veciños, senón que o que realmente procuraría sería a consolidación no futuro dunha maioría absoluta para o PP».