Xira cultural tralos pasos de Castelao

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Ducias de persoas uníronse á homenaxe do BNG ao pai do nacionalismo

11 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha viaxe cultural, musical e política. Iso é o que propuxo onte o BNG na vila rianxeira para conmemorar o 65 cabodano do seu veciño máis ilustre. Alfonso Daniel Rodríguez Castelao foi quen guiou un roteiro que percorreu algúns dos puntos emblemáticos da localidade, un paseo no que participaron ducias de persoas, co portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, á cabeza e no que se reivindicou o ideario e a loita iniciada polo pai do galeguismo hai un século.

O alcalde, Adolfo Muíños, foi explicando o por que de cada unha das paradas que se fixeron. A primeira foi o peirao de Setefogas, no que antigamente se refuxiaba a flota rianxeira e que «representa o ser mariñeiro de Rianxo». A elección deste lugar non foi casual, senón que serviu para lembrar a loita pola pesca artesanal que se librou hai décadas e a que hoxe en día segue a librar o pobo rianxeiro pola supervivencia do xeito. Ana Miranda recitou a Manuel Antonio e parafraseou a Castelao cando dixo que «o mar tira de nós como pobo», ao tempo que manifestou o apoio aos xeiteiros: «Están resistindo porque nós estamos con eles, a pé de peirao».

A lingua

A cultura e, sobre todo, a defensa da lingua estiveron moi presentes en todo o percorrido, non só a través de Castelao, senón tamén de outros ilustres rianxeiros coma o poeta Brea Segade, cuxo poema A noite silandeira foi recitado por Adelina Ces. Neste sentido, o rexedor recalcou: «Algo ten que ter Rianxo para que a cultura agrome aquí deste xeito e para que teñamos legado tanto á nosa lingua e literatura».

Se hai un lugar na vila que exemplifica esa riqueza cultural é a rúa de Abaixo, onde en escasos cen metros están as casas de Manuel Antonio, Castelao e Rafael Dieste. A primeira é un museo diante do que se leron uns versos do poeta do mar, mentres que a segunda segue en mans privadas: «A materia pendente como país é que este lugar sexa visita obrigada para todos os galegos. Non debe deixar contento a ninguén que estea pechada, e co empeño do presidente do país podería conseguirse que sexa ese lugar de peregrinación laica que debería ser».

Ofrenda floral

O percorrido literario, no que se interpretaron textos de Sempre en Galiza e Cousas, deu paso a unha parte máis política: a ofrenda floral ante o busto de Castelao no paseo da Ribeira. Antes diso, Adelina Ces, Raquel Suárez, Adolfo Muíños e Xavier Vence interviron para reivindicar a vixencia do pensamento do intelectual rianxeiro e o papel do BNG na defensa dese ideario. Tamén falaron en clave do futuro, presentándose como a mellor opción neste ano crucial. «Seguimos a ser o referente dos galegos, porque se Galicia está é porque está o Bloque» e «somos os únicos que seguen a manter o legado de Castelao» foron algunhas das ideas que esbozaron, que Muíños resumiu parafraseando, de novo, ao pai do galeguismo: «¿Quen pode salvar Galiza? Galiza mesma».