«Casa da Gramática», a fusión perfecta entre literatura e cinema

Raquel iglesias RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Son moitas as sorpresas que a revista do Virxe do Mar esconde nas súas páxinas

03 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O trampolín dos futuros escritores do Barbanza, a revista Casa da Gramática do instituto Virxe do Mar de Noia, segue sumando números. O último, e xa van 39, fusiona á perfección dous universos: a literatura e a sétima arte. Nas súas primeiras páxinas faise patente a ilusión dos que as firman. O equipo de redacción está formado por unha decena de alumnos que saben que nesta publicación tamén comezaron algúns dos grandes. José Luis Hueso, Ramón Blanco, Marcos Nine, Maxi Olariaga e Ramón Torrado deixaron o pavillón ben alto. O amor polas verbas é o que teñen todos en común.

Explica Xavier Castro, coordinador da publicación xunto con María Golán, que a idea de mesturar literatura e cinema tivo algo que ver coa estrea, este mesmo ano, da película A esmorga, unha adaptación do clásico de Blanco Amor que marcou un fito na historia da literatura galega. Tamén o feito de que os estudantes do ciclo de Fotografía do instituto promovesen unha exposición con esta mesma temática. Os dous universos mestúranse á perfección na sección Papel de Color, a parte central da revista e onde no anterior número se publicou un poema en galego inédito de Rosalía de Castro titulado Dinche o corazón na man. Ramón Torrado foi quen o atopou no arquivo municipal da Coruña.

Outra das sorpresas ten moito que ver co instituto no que se elaboran as páxinas da revista. Un libro de Pedro García Vidal sobre o edificio do centro acompaña as súas páxinas. Son nada menos que 125 anos os que se cumpren desde a súa construción e a ocasión merecía unha homenaxe deste nivel.

A portada

Todo o que rodea á revista Casa da Gramática ten historia. A portada foi obra de Antoñeta Castro e a ela e á Escola de Gravado Alfonso Costa do Liceo de Noia agradécese a súa contribución.

A revista comezou a difundirse antes da ponte da Constitución, cando foi presentada, e moitos veciños aproveitaron a ocasión para levar para a casa un exemplar. Outros visitan o Virxe do Mar para pedir a publicación e, de paso, contemplar un edificio no que medra o saber.

Un libro de Pedro García Vidal acompaña á publicación