O legado bibliográfico de García Bayón, ao descuberto

María Xosé Blanco Giráldez
M. x. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Na biblioteca ribeirense exhíbense vinte volumes do escritor e quince documentos pertencentes ao arquivo municipal

17 dic 2014 . Actualizado a las 05:07 h.

Desde hai un par de meses, con motivo do centenario do nacemento de Carlos García Bayón, son varias as actividades que se están levando a cabo en Ribeira co fin de sacar á luz a traxectoria dun escritor que, a pesar do legado que deixou, segue a ser un descoñecido. O Concello tamén se quixo sumar a este movemento e, no marco dun programa de accións que pretende ser máis ambicioso, onte abriuse na biblioteca municipal unha exposición que amosa boa parte da obra do xornalista.

Os veciños teñen á súa disposición vinte títulos asinados por García Bayón, entre os que se atopan as coñecidas Piedras ilustres, así como guías de montes, ríos, heráldicas ou nobres memorias, que permite ver o gran traballo que fixo o escritor na recuperación e conservación do patrimonio inmaterial.

Outra parte importante desta exposición é a relativa aos documentos pertencentes ao arquivo municipal que gardan relación co xornalista. Algúns deste quince escritos deron moito que falar, por exemplo, o estudo relativo ao topónimo Ribeira, no que García Bayón defende a fórmula con v. Neste apartado pode consultarse tamén a acta pola que o escritor foi nomeado cronista oficial, o 20 de xuño de 1983; así como varios documentos relacionados coa construción do colexio que leva o nome do autor.

Ata o 9 de xaneiro

A exposición que onte se abriu na sala de lectura municipal poderá visitarse ata o 9 de xaneiro. Entre os primeiros que quixeron botarlle unha ollada ao libros e documentos estaban o alcalde, Manuel Ruiz, e os concelleiros Juan Luis Martínez e Maricarmen Vizcaya; así como a filla do homenaxeado, Ana García, que acudiu acompañada por Ramón Triñanes, actual administrador do colexio Bayón.