O Rodríguez Cadarso é un dos nove colexios galegos que contan cun laboratorio de idiomas

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez NOIA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

10 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

«Aprendemos moito e é moito máis divertido». Así de contundente é a resposta dos alumnos do colexio Rodríguez Cadarso de Noia cando se lles pregunta pola súa experiencia no laboratorio de idiomas. Trátase dunha aula equipada con ordenadores para o estudo doutras linguas, principalmente o inglés, e en toda Galicia hai nove centros que conten con esta tecnoloxía. Os últimos en sumarse a esta iniciativa son os escolares noieses e están encantados.

Cada un co seu ordenador, os cativos van resolvendo os exercicios que lles pon a mestra, pero, lonxe de leccións aburridas, aprenden con xogos multimedia. Por este laboratorio pasan todos os alumnos de educación primaria do centro, pero onte foi aos de sexto curso aos que lles tocou contarlle a súa experiencia ás autoridades que os visitaron. O conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, e o xerente da Fundación Paideia, Guillermo Vergara, encabezaron unha comitiva na que tamén participaron outros cargos da Xunta, o alcalde noiés e representantes da corporación municipal. Todos eles acudiron ao centro para coñecer de primeira man o funcionamento da nova aula, posta en marcha a comezos do curso.

Igual de encantados co método de traballo que permite o laboratorio que os alumnos están os propios docentes. A profesora de inglés Enriqueta Lobagueira explicou durante a visita de onte como se traballa e subliñou que se trata dun recurso «excelente para os idiomas. O máis positivo é que o ritmo de aprendizaxe é individual, imos conseguindo os obxectivos ao ritmo dos rapaces. E outra vantaxe é que eu, desde o ordenador central, podo controlar o traballo que fai cada un e detectar o que están facendo ben ou mal máis rapidamente».

Proba de nivel

O conselleiro de Educación aproveitou a visita para poñer a proba o nivel de inglés dos rapaces mantendo unha breve conversa no idioma de Shakepeare, e interesouse por outros recursos dos que dispón o centro para a ensinanza de linguas estranxeiras, como unha auxiliar de conversa natural de Australia.

En canto ao laboratorio de idiomas, púxose en marcha este curso a través dun convenio de colaboración entre a Xunta e a Fundación Paideia que funciona desde hai nove anos. Neste tempo, estas aulas incorporáronse a outros tantos colexios da provincia coruñesa, dous dos cales están na comarca.