Mariña Pérez Rei, a poetisa que se fixo verso en Barbantia

raquel iglesias RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

A autora presentou «Boca de gárgola» nun Ateneo Valle Inclán abarrotado

30 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Barbantia, «ese pequeno milagre da cultura», como asegura o seu coordinador, Manuel Cartea, viviu na noite do venres un acto para o recordo. Mariña Pérez Rei presentou o seu volume de poesía titulado Boca de gárgola, unha obra á que non lle faltaron piropos. O Ateneo Valle-Inclán de Ribeira foi o escenario deste encontro no que o tempo volveu a deterse para escoitar os versos máis fermosos. Foi a propia autora a que ao final das intervencións agasallou aos presentes coa súa lectura.

Abriu o acto Antonio Lijó, presidente do centro cultural ribeirense, para agradecer a Barbantia o seu apoio á cultura. Cartea tomou a palabra para presentar o número 99 do suplemento A Voz de Barbantia e para agradecer aos colaboradores todo o seu esforzo. Non se quedou curto poñendo en valor o traballo da súa amiga Mariña Pérez, facendo un percorrido polos seus libros e polos premios acadados. Asegurou que hai anos a autora confesoulle que sentira moi dentro a poesía paseando pola praia do Vilar e que a súa obra enténdese ata onde se pode entender, pero que é moi difícil de explicar.

Pérez Rei explicou que Boca de gárgola é un traballo moi distinto dos que viña facendo e que a súa linguaxe é moito máis xornalística e que o título ten que ver coa pedra de Santiago, tamén nun sentido metafórico. «Esta figura aparece en varias fotografías do libro, é o fío condutor, pero non todo se refire a ela. As imaxes -feitas por Martín Pérez- son buscadas, non son casuais. A temática da obra é subxectiva».

Prólogo de Manuel Gago

O xornalista Manuel Gago foi o encargado de escribir o prólogo desta obra que, segundo dixo, «está feita para perdurar, é coma un viño reserva». Referiuse á valentía da autora para mesturar xéneros literarios e fixo reflexións tan curiosas como que «os medios de comunicación deben contar con poetas para axudar ao lector a ver a realidade doutro xeito». Engadiu que antes que Mariña Pérez Rei outros escribiron sobre Santiago de Compostela, pero que o seu traballo ten a visión doutra época e de novas inquedanzas: «É un libro que deixa as preguntas feitas, o lector debe respondelas. Os periodistas temos medo ás preguntas que quedan no aire». A música das gaitas contribuíu a facer deste un acto único.