Espíritos mozos reunidos na Fieiteira

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Centos de persoas encheron o polideportivo ribeirense na festa dos maiores

24 nov 2014 . Actualizado a las 10:02 h.

As ganas de vivir e de divertirse non entenden de idades e onte demostrárono os participantes na xuntanza dos maiores de Ribeira. Desde logo, moitos dos que onte ocuparon as mesas instaladas no polideportivo municipal de A Fieiteira con motivo da celebración tiñan un espírito moito máis xuvenil que o de algúns que aínda están lonxe da xubilación.

Os máis apurados chegaron ao entorno de A Fieiteira cando as portas aínda estaban pechadas, así que lles tocou agardar ao frío e iso xerou algún malestar, pero nada que non puideran solucionar a boa comida e a mellor compaña da que gozaron unha vez sentados á mesa. O chan con moqueta, estufas acesas, flores nas mesas... na decoración non faltaba detalle por coidar, ao que os comensais responderon de igual maneira lucindo as súas mellores galas, con garabatas, xoias e peiteados de perruquería incluídos.

Eran preto das tres da tarde cando, tralos discursos do alcalde, Manuel Ruiz, da concelleira Maricarmen Vizcaya e de Coro Piñeiro, que acudiu en representación da Consellería de Benestar, un batallón de camareiros comezou a voar por entre as mesas para servir ao milleiro de comensais citados na Fieiteira. Xa ían sendo horas de xantar, así que os asistentes deron conta do marisco que lles puxeron diante con boa gana. Mentres, uns e outros contaban por que estaban alí.

Facer amigos

Un matrimonio de Boiro confesaba que son uns habituais de toda comida destas características que se faga na zona á que poidan acudir, e dálles igual ir cuns amigos que facelo por libre porque, se van sós, «tamén coñecemos xente nova».

Outra habitual na cita ribeirense é unha muller do Touro que este ano levou consigo a unha veciña: «Eu é a primeira vez que veño porque hai oito anos que me morreu o home e non saía, pero hai que empezar a saír e a espabilar», comentaba a muller ao tempo que a súa compañeira de mesa engadía: «Isto é unha marabilla, aquí pasámolo moi ben». Dito e feito. Tralo xantar tocou sobremesa e baile co grupo Veterana.