A batuta máis viaxeira de Barbanza

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Pisou os mellores escenarios de Europa e na actualidade reside en Eslovaquia

16 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai quen soña con triunfar na súa terra, diante do seu público. Pero ese non é o caso de Diego García Rodríguez. Este músico boirense leva media vida percorrendo Europa. Primeiro, na procura de formación e, dun tempo a esta parte, batuta en man, para pisar os mellores escenarios. De cando en vez, agasalla os oídos dos galegos dirixindo a Real Filharmonía, a Orquestra Sinfónica ou o Taller Atlántico Contemporáneo (TAC), un grupo que fundou en Santiago.

Este veciño de Escarabote empezou a escribir o capítulo decisivo da súa historia cando tiña 20 anos e mercou un billete de InterRail. Buscaba mestres que lle axudaran a cumprir o seu sono de ser músico. Non só conseguiu completar a formación que adquirira, primeiro da man de Enrique Paisal e despois no conservatorio de Santiago, senón que incluso se especializou en dirección de orquestras. A partir de aí, Diego García empezou unha carreira meteórica que continúa na actualidade.

Escenarios de Rusia, República Checa, Bulgaria e Francia foron colándose na súa axenda ao longo das tempadas nas que residiu en Suíza, Londres e Polonia. Este mesmo ano tivo lugar o seu último traslado, que o levou ata Bratislava, en Eslovaquia. Aínda que está continuamente facendo a equipaxe, o músico barbancés non se considera un emigrante: «O feito de percorrer Europa véxoo máis como unha experiencia vital e profesional moi enriquecedora». De feito, pola súa mente non pasa regresar á casa, polo menos, de momento: «Agora, non penso niso. Eu só quero traballar para vivir da miña profesión e tentar facelo ben para que se confíe en min; así o fago tanto fóra como aquí».

Pegadas na terra

Pero, de forma periódica, Diego García regresa á súa terra para deixar unha pegada imborrable. Conseguiuno cando montou un concerto de 18 horas de duración ao pé do faro de Fisterra ou cando colaborou con Quico Cadaval e Luis Tosar na obra A ópera dos tres reás, unha produción do Centro Dramático Galego. O boirense tamén elixiu o seu berce para montar o Taller Atlántico Contemporáneo (TAC), un ensamble de música contemporánea que non dubida en cualificar coma o proxecto fundamental da súa vida.

Aínda que el conseguiu vivir da cultura, sinala que non é tarefa doada: «É unha profesión moi dura, que require dedicación ao cen por cento. O que é tristísimo é que neste momento se poña unha cantidade de trabas absolutamente desproporcionadas con respecto a outros eidos, incluso por lei, o que é o colmo, para o desenvolvemento dunha actividade artística».

Como gran viaxeiro que é, Diego García sabe de boa tinta como está a situación do sector no resto de Europa e non se amosa nada optimista: «En Italia, Francia, Holanda, Bélxica e mesmo en Alemaña hai recortes e pechan óperas. A diferenza está na contestación social que isto provoca. Alí, a xente sae á rúa porque sinte que están a ameazar o seu patrimonio, a súa cultura, unha parte importante da súa vida. Aquí aínda estamos lonxe desa inmediatez social que provoca que os que toman ese tipo de decisións o pensen dúas veces».

Proxectos dentro e fóra

Co Taller Atlántico Contemporáneo, co que hai un par de semanas abarrotou a Pousada das Ánimas boirense, García Rodríguez ten nestes intres «os proxectos máis ilusionantes», os que o obrigarán a viaxar con frecuencia á súa casa. Pero a axenda deste músico segue a ter carácter internacional. En breve estará no Teatro Real de Madrid, coa ópera Hansel und Gretel de Humperdinck. A súa batuta tamén ten pendente unha estrea en Londres.

Proxectos, aínda que sexa fóra de Galicia, non lle faltan a un músico que semella non abandonará nunca a maleta.

diego garcía rodríguez pianista e director de orquestra