A estrea de «Celtas sen filtro» encheu as butacas e namorou ao público
16 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.Cando se unen as palabras Airiños e estrea o éxito está asegurado. Así quedou demostrado o venres no auditorio de Rianxo. Nin unha butaca baleira para ver en acción aos actores dunha compañía que nunca defrauda e que conseguiu arrancar moitos sorrisos nunha noite que pintaba máis ben gris. O antídoto contra o mal tempo é unha boa sesión de teatro e humor. «¿Non merece este escenario grandes historias?», escoitouse ao inicio da función. Celtas sen filtro foi máis que grande, enorme, e levouse os aplausos do público, conseguindo interromper co seu ruído o ritmo da función. Trátase dunha adaptación á realidade actual dun texto de Méndez Ferrín que só foi representado nos anos oitenta. Nesta ocasión mesturáronse no guión palabras como as desgraciadamente archicoñecidas «corrupción» ou «desafiuzamento». Tamén a situación de Cataluña se fixo un oco entre as frases dos protagonistas.
Non é de bo gusto desvelar todos os detalles da obra por si aínda quedan amantes do teatro con gañas de vela. Pódese poñer os dentes largos aos afeccionados de este arte contando que todo comeza cuns mendigos pedindo esmola no Pórtico da Gloria e planeando un suicidio colectivo. Para asasinarse uns a outros contan con diferentes elementos como as bengalas da Guadalupe que trouxeron problemas na celebración deste ano. Unindo unha historia clásica coa actualidade conseguiron os actores de Airiños impresionar aos presentes. Poucos crían que esta obra lles gustaría máis que algunha das anteriores. O reto superouse con creces.
Botafumeiro incluido
Un dos elementos que máis chamou a atención foi un botafumeiro feito na casa que se balanceaba polo escenario con xeito. Tamén o vestiario dos actores gustou ao público e demostrouse que non se precisa un presuposto como os de Broadway para facer unha función con moito nivel.
Na historia únese a vida dun peregrino -non podía faltar cando Santiago anda polo medio- coa de xornalistas, políticos, arcebispos ou taberneiras, entre outros. A crítica déixase sentir polo medio, porque a denuncia é clave nestes tempos.