Airiños recupera un clásico para alongar a súa traxectoria

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Adaptou á realidade actual «Celtas sen filtro», un texto de Méndez Ferrín que só foi representado no ano 1983

14 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha explosiva historia na que se mestura a vida dun peregrino coa de xornalistas, políticos corruptos, arcebispos interesados, palilleiras, taberneiras, bebedores de cuncas... Así se presenta Celtas sen filtro, o espectáculo que lle permitirá á mítica compañía Airiños seguir alongando a súa traxectoria. A obra estrearase esta noite en Rianxo (auditorio, 21.00 horas), pero os barbanceses terán novas ocasións de gozala no futuro.

Trátase dunha peza clásica do teatro galego, escrita por Xosé Luís Méndez Ferrín e estreada por Artello Teatro no ano 1983. Aínda que daquela rexistrou un grande éxito, tanto de crítica como de público, nunca máis foi levada ao escenario. Airiños recupéraa agora adaptándoa á realidade actual: «O texto orixinal é unha crítica á sociedade galega dos anos oitenta e nós o que facemos é manter a liña, pero coa temática de hoxe en día, o que nos obrigou incluso a ir introducindo cambios desde que comezamos os ensaios, hai un ano», explicou a directora da mítica compañía, Esther Carrodeguas.

Multitude de espazos

A obra supón un novo reto para a agrupación: «É unha historia lineal, pero transcorre en multitude de espazos e iso foi o máis complicado. Teño que dicir que o momento máis importante da obra aínda o resolvemos esta semana», asegurou a directora.

Aínda que a gran estrea terá lugar esta noite, o vindeiro sábado haberá un novo pase de Celtas sen filtro no auditorio da localidade. Padrón, Palmeira e Lousame tamén están entre as paradas que a compañía de Asados fará antes do Nadal. Haberá incluso unha función en Santiago, aínda que de momento non ten data nin escenario confirmados.

Trala estrea desta noite, Carrodeguas e o seu grupo empezarán a traballar xa no seguinte reto. Unha das opcións que baralla a compañía é representar un texto de Valle-Inclán. Enriba da mesa, Airiños ten tamén unha obra poética e íntima dun autor arxentino.