Deber que non elección

Antonio González Millán

BARBANZA

A lexislación sobre o patrimonio establece o deber e a necesidade de conservar. Todo país reflicte a súa historia nun patrimonio material e inmaterial proporcionado co protagonismo que ese país ou nación tivo no pasado. No patrimonio material conviría establecer unhas subdivisións; haino de carácter civil, outro é relixioso, etnográfico, arqueolóxico e tamén documental e bibliográfico. A dinámica dunha civilización ordenada implica que unha sociedade moderna recoñece que é moderna porque herdou coñecementos e condutas sociais do pasado e tamén uns feitos. Ao contrario, o descoñecemento ten un cualificativo en calquera dicionario: ignorancia, que é ser ignorante, irresponsable ou vándalo e todos os seus derivados. Derivados, en todo caso, negativos para a condición humana e dunha sociedade. Que sexamos conscientes ou non, consecuentes ou non, máis modernos ou máis conservadores, o presente é fillo dun tempo anterior; un tempo que tivo persoas e un tempo que tivo sociedades.

A lei de protección do patrimonio española establece o deber de todo poder público e de toda persoa física ou xurídica privada de protexer, salvagardar, rehabilitar, conservar e, en definitiva, de preservar esas testemuñas do pasado construído que lle pertencen ou competen. Pero con abusiva frecuencia sucede que entran en contradición a observancia debida de toda lei e a necesidade de vivir nun edificio histórico.

O idioma inglés ten un verbo que non deixa lugar a interpretacións. É o to be, é dicir, un cidadán británico é e está. No xeito de ser da nación española e nas súas linguas, pola contra, ser e estar son dous verbos distintos. Sinalamos esta paradoxa porque no noso país, unha cousa é o que di a lei e outra o que algúns interpretan que di esa mesma lei. Existe o deber de conservar o patrimonio que non deixa lugar a interpretacións. Sen embargo aquí, coa nosa lei, acontece aqueloutro de que os pobos latinos en lugar de observar o espírito da lei interpretan o que probablemente quería dicir o lexislador. É dicir, somos un pobo e unha nación rica en patrimonio e a diferenza doutros países desenvolvidos como Alemaña, Reino Unido ou Francia, semella que nos países e nacións latinas en lugar de ser unha riqueza é un lastre. É dicir, seguimos a ser un país de especuladores e destrutivos fronte ao que son os grandes países desenvolvidos que son reparadores, conservadores e mantedores.