Barbanza: Avaría na viaxe inaugural de 1916
Mentres nos campos de Europa se loitaba corpo a corpo, os estaleiros cumprían os prazos previstos para a construción do primeiro barco. O Santa Isabel foi botado o 26 de agosto de 1915 e entregado á navieira o 26 de outubro de 1916. Tiña 2.492 toneladas de arqueo bruto e unha potencia de 1.350 cabalos; a súa velocidade máxima era de 12,5 nós. O vapor estaba dotado con velas coas que poder aproveitalos ventos e aforrar carbón. Unha cheminea e dous mastros completaban o enarborado do navío. O material principal era o ferro armado coa técnica de remaches característica da época. O Santa Isabel resultaba ser un magnífico buque pensando para dar servizo durante moitos e moitos anos.
Sen embargo, a primeira singradura do vapor-correo iniciaríase con pouco éxito, como agoiro do que sería o seu triste final, xa que naquela viaxe inaugural, entre Cádiz e Barcelona, o primeiro de novembro de 1916, o vapor sufriría unha avaría nas turbinas que o obrigou a permanecer na cidade do Turia durante varios días e a desembarca-la pasaxe que continuaría cara á cidade Condal en tren. A gravidade da avaría aparece no informe levado a cabo polo inspector de maquinaria da navieira e nel fálase dun gravísimo problema no sistema de turbinas, froito de deficiencias na calidade do metal utilizado na fabricación.
O problema obrigou ó Santa Isabel a permanecer cinco días en Valencia, antes de continuar ruta cara a Barcelona, onde terían que ser desmontadas as máquinas, traballos que retiveron o buque no peirao case trinta días.
Xa plenamente operativo, o Santa Isabel sería destinado á chamada ruta do norte, facendo alternativamente a viaxe entre Bilbao e Cádiz, e esporadicamente entre o porto gaditano e Fernando Poo pasando polas Canarias, ruta esta da que sería relevado polo seu xemelgo, o San Carlos, que emprendería rumbo cara ás colonias africanas.
O vapor-correo recollería emigrantes en Euskadi, Cantabria, Asturias e Galicia para transbordalos en Cádiz ós vapores Reina Victoria e Alfonso XII, transatlánticos de maior velocidade e capacidade, preparados para completar a ruta oceánica a Montevideo e Bos Aires. Esa era a súa derradeira singradura antes de que acontecese o naufraxio o 2 de xaneiro de 1921.