Arousa Norte e Barbantia reúnen aos referentes culturais

Editaron unha guía elaborada por Xoán Pastor Rodríguez, na que aparecen máis de catrocentos persoeiros de Barbanza


ribeira / la voz

Máis de catrocentas persoas que deixaron pegada ou a están deixando actualmente no eido cultural de Barbanza forman parte dun libro que, da man de Barbantia e de Arousa Norte, verá a luz en cuestión de días. Xoán Pastor Rodríguez Santamaría é o autor desta Guía de persoeiros da cultura, que será presentada no auditorio de Rianxo o vindeiro venres, coincidindo coa saída á rúa dun novo número de La Voz de Barbantia.

O volume, tal e como explicou onte o seu autor, recompila a persoas destacadas de todos os eidos da cultura, desde a literatura ata a música, pasando polas diferentes ramas artísticas. Abarca, ademais, un amplo período de tempo, que vai desde a Idade Media ata a actualidade. O obxectivo non é outro que darlle difusión a estes nomes propios: «En Barbanza hai unha serie de persoas relevantes que son de sobra coñecidas, como poden ser Castelao ou Manuel Antonio, pero hai moitas outras que non o son tanto e queremos sacalas á luz», manifestou Pastor Rodríguez.

Principais destinatarios

Aínda que todos aqueles que o vindeiro venres, ás 20.30 horas, se acheguen ao auditorio rianxeiro poderán facerse cun exemplar desta guía, os principais destinatarios son os mozos. Por iso, o volume distribuirase polos institutos dos catro municipios que integran Arousa Norte.

A presidenta da mancomunidade, Irene Maneiro, falou dos pasos que se están a dar para conectar literatura e turismo e da intención que ten a entidade de seguir afondando neste camiño.

A presentación deste libro encádrase nun intenso programa de actividades que desde agora e ata finais de ano se desenvolverá na vila de Castelao, do que forman parte máis de vinte propostas.

A maiores, no acto de onte, no que tamén estivo presente o alcalde, Adolfo Muíños, falouse do club de inglés que hai en marcha na vila, unha iniciativa que está aberta a todos aqueles que desexen sumarse para practicar o idioma.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos

Arousa Norte e Barbantia reúnen aos referentes culturais