«Ghalegho», o vídeo ideado en Rianxo que arrasa na Rede

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

A cinta foi realizada por Noelia Gómez, estudante de Xornalismo, e defende o emprego da gheada e do seseo

24 oct 2014 . Actualizado a las 09:15 h.

Tecleando no buscador de Youtube oito letras, Ghalegho, un accede a un curioso e orixinal vídeo que, nos seus dous minutos de duración, chama a atención de principio a fin. Os protagonistas son catro mozos; os escenarios, fermosas paisaxes de Rianxo e Dodro; e o contido, a defensa do idioma galego en todos os eidos e con todas as súas peculiaridades, seseo e gheada incluídos. A cinta, ideada e dirixida por unha rianxeira que estuda Xornalismo en Santiago, está arrasando en Internet.

Noelia Gómez é a autora deste vídeo, elaborado como traballo para as clases de galego: «Tiñamos que facer algo sobre o idioma e, como son de Rianxo e falo con seseo e gheada, ocorréuseme reivindicar as peculiaridades da miña zona e, de paso, defender as variantes do galego».

Para desenvolver a súa idea, contou coa colaboración de tres amigos de Imo, no veciño municipio de Dodro. Xunto coa propia Noelia; Martín Piñeiro, Ana Rei e Carlos Rey póñenlle voz a situacións cotiás, coas que se atopan no seu día a día, e que lonxe das críticas ás que en máis de unha ocasión tiveron que enfrontarse, revolven empregando a lingua nai, tal e como a mamaron, sen disfraz algún.

Miles de visitas

Pouco podían imaxinar Noelia Gómez e os seus colaboradores o éxito que ía acadar este traballo. En Youtube, onde foi colgado hai tres días, tivo máis de sete mil visitas; pero en algunha páxina de Facebook, xa supera as dezasete mil.

Os protagonistas deste traballo audiovisual están satisfeitos de poder espallar a súa mensaxe, ledos de chamarlle incultos «aos que se rin da nosa forma de falar», felices de poder dicirlle a miles de persoas que están «orghullosos» de falar a súa lingua, contentos de seren «ghaleghos» e de falar «ghalegho».