«O patrimonio de García Bayón merece unha instalación digna»

Soña cunha sala dedicada a seu pai e está disposta a dar facilidades


ribeira / la voz

Son moitos os ribeirenses que recibiron formación da man de Carlos García Bayón, que foi mestre ao longo de 44 anos, pero se hai alguén que coñece ao escritor, esa é a súa filla Ana. Nas súas mans atópase ademais o gran legado que deixou o cronista oficial de Ribeira, no que destacan unha biblioteca con máis de cinco mil volumes e unha colección de cadros de artistas galegos. Estes días, ela e os seus compañeiros do colexio Bayón, no que imparte clases desde o ano 1991, están mergullados na celebración dunha serie de actos para conmemorar o centenario do nacemento do fundador do centro. Tamén Barbantia, La Voz de Galicia e mesmo os concellos de Ribeira e A Pobra se sumaron a esta efeméride, pero Ana García bota en falla propostas, que non só contribúan a perpetuar a memoria do seu pai, senón que permitan conservar o seu legado.

-¿Cales son eses tesouros que deixou Carlos García Bayón?

-O principal é a biblioteca que tiña na casa de Xuño e que eu trasladei por completo ao colexio Bayón. Son sobre cinco mil volumes, entre os que destaca algún libro antigo, con follas de pergamiño e cuberta de coiro. Tamén hai obras de Valle-Inclán, escritor que lle gustaba moito, e interesantes textos de matemáticas ou relixión.

-¿Pensa que o colexio é o lugar axeitado para unha colección desta envergadura?

-No momento en que tomei a decisión de trasladala alí e tamén agora mesmo, penso que si. Na casa de Xuño estaba deteriorándose e eu precisaba unhas instalacións que reuniran as condicións mínimas. Non atopei sitio mellor que o cole.

-Ademais destes libros, ¿que outras pezas destacaría do patrimonio que herdou de Bayón?

-A colección de pinturas de artistas galegos, obras que me está custando moito manter, pois algunhas precisan xa ser restauradas. É o caso, por exemplo, dun Pesqueira.

-¿Pensa que un museo ou instalación similar sería o lugar ideal para este patrimonio?

-Por suposto que si. Xa cando el morreu, eu fun consciente de que non podía facerme cargo de todo este patrimonio. Xoán Pastor Rodríguez, de Porto do Son, falou comigo sobre a posibilidade de abrir un museo e tamén desde Ribeira houbo contactos neste sentido, pero non saíron adiante. A única proposta que prosperou foi a exposición duns restos arqueolóxicos no museo ribeirense, pero nin sequera é o que eu esperaba, pois non se amosa a totalidade da colección cedida no seu día.

-¿Que proposta tería que chegarlle para ceder o legado de García Bayón?

-O patrimonio de García Bayón merece unha instalación digna. Se non se vai coidar e expoñer para que a xente o coñeza, prefiro gozalo eu soa, na miña casa.

-Refírese entón a unha casa museo...

-Si. Cando aínda era eu a propietaria da casa de Xuño, que despois tiven que vender, propuxen incluso a adquisición da vivenda por parte do Concello de Porto do Son, ao que lle daba todas as facilidades, e eu cedería todo o que estaba no seu interior. Tamén en Ribeira expuxen facer o mesmo co antigo colexio, no que eu estaba disposta a instalar a colección de cadros para habilitar un museo, pero tampouco prosperou.

-¿A que atribúe esta reticencia?

-Non o sei, pero o que teño claro é que, desde que morreu, García Bayón non tivo o recoñecemento que se merecía, pasou ao esquecemento. Se se mantivo viva a súa memoria foi polo colexio e por iso lle estou agradecida aos meus compañeiros e agora a Barbantia polas actividades que están a organizar con motivo do centenario.

-Actos aos que o Concello de Ribeira tamén se vai sumar, ¿pode ser o comezo de proxectos ambiciosos?

-Non o sei. Desde o Concello contactaron comigo e imos ter unha reunión. O meu maior desexo é que o patrimonio do meu pai non se perda, non caia no esquecemento. Dóeme ver que o traballo del e de miña nai estea en perigo, pois eu véxome incapaz de mantelo. Estou disposta a dar todas as facilidades.

ana garcía ares filla do escritor e propietaria do seu legado

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos

«O patrimonio de García Bayón merece unha instalación digna»