Barbanza perdeu preto de vinte mil galegofalantes nunha década

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez NOIA / LA VOZ

BARBANZA

MATALOBOS

No conxunto da comarca, o 67,3% da poboación emprega unicamente a lingua de Rosalía, fronte ao 81,7% que o facía dez anos atrás

17 oct 2014 . Actualizado a las 13:18 h.

Por moito que a Consellería de Cultura valore positivamente os últimos datos sobre o uso do galego publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), o certo é que, polo menos no caso da bisbarra barbancesa, non hai demasiados motivos de celebración. O galego perde terreo na comarca a pasos de xigante, e nunha década os once municipios perderon 19.774 galegofalantes, unha cifra equivalente á dun lugar coma Boiro.

Ningún dos concellos da zona racha coa tendencia, e todos, en maior ou menor medida, perderon entre o 2001 e o 2011 -os últimos datos dos que dispón o IGE, publicados esta mesma semana- habitantes que sempre utilizaban o galego para comunicarse. A maior diferenza, porcentualmente, no número de galegofalantes dáse en A Pobra, onde o descenso é do 34%, mentres que na situación contraria se atopa Rianxo, onde a caída foi do 11%. Con todo, no caso rianxeiro, a diminución foi suficiente para relegalo da segunda á quinta posición da clasificación dos municipios da comarca nos que máis se fala a lingua de Castelao: nunha década o emprego do galego pasou do 92% ao 81% do total da poboación.

En canto ao concello pobrense, é, con diferenza, o que peores resultados amosa sobre o uso habitual do idioma autóctono. De feito, é o que rexistra unha menor porcentaxe de veciños galegofalantes e é o único dos once barbanceses no que esa cifra se atopa por debaixo do 50%.

No extremo oposto atópase Mazaricos, onde a porcentaxe de persoas que sempre falan a lingua de Rosalía supera o 90%.

No que respecta ao conxunto da comarca, segundo os datos publicados polo IGE, un 67,3% dos veciños non usan o castelán, o que supón unha redución considerable con respecto ao escenario que había dez anos atrás, cando o dato se situaba moi por enriba, no 81,7%.

Datos totais

En termos absolutos, na bisbarra hai un total de 82.936 galegofalantes, fronte aos 102.710 que se rexistraban a comezos da década pasada, o que representa un descenso próximo ao 20%

Tamén baixa o número de barbanceses que nunca empregan o galego, son case un milleiro menos, aínda que seis dos once concellos barbanceses non computan porque non hai mostras suficientes para que o dato sexa fiable. No que respecta aos outros cinco, en dous deles soben os veciños que non utilizan o idioma autóctono: Rianxo (con un total de 231) e Noia (903).