«Queremos reivindicar o Valle-Inclán arousán»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

monica ferreiros

Recompilou, xunto co neto do escritor, fotografías e artigos de prensa que hoxe se presentan en forma de exposición

15 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Valle-Inclán: estadías arousanas é o título da exposición que esta tarde se inaugura no auditorio da torre de Bermúdez, ás oito e media, no marco das xornadas de homenaxe ao creador do esperpento. O neto do autor, Xaquín del Valle-Inclán, e o director da sala pobrense, Antonio González Millán, foron os encargados de recompilar o material que conforma esta mostra, maioritariamente fotografías e artigos de prensa. Millán avanza algunhas características de dita colección.

-¿Como xorde a idea de montar esta exposición?

-Xorde no marco da colaboración que desde hai anos ven mantendo co museo a familia de Valle-Inclán. Xaquín recibe sempre información sobre o contido das xornadas que cada ano se organizan na Pobra e tentamos incluso coordinar propostas entre os museos de Galicia dedicados ao escritor.

-¿Con que obxectivo deciden recompilar este material?

-Sempre se fala de Valle-Inclán en Madrid ou en México, pero queremos recuperar as páxinas da biografía do escritor que consideramos que, máis que esquecidas, non están ben reflectidas. Hai que potenciar a figura de Valle en Galicia.

-¿Que vai ver o público nesta exposición?

-Hai unha parte da exposición de carácter fotográfico, na que se recollen, entre outras, as imaxes do escritor na Pedra das Cabras, no dolmen de Axeitos, no pazo da Mercé ou nunha reunión de amigos en Cambados. Logo hai unha sección de recortes de prensa, na que La Voz de Galicia ten un protagonismo especial. Deste xornal recuperamos, por exemplo, o momento no que o escritor deixa Cambados para ir á fronte francesa, na primeira Guerra Mundial, como cronista; ou a viaxe que fixo pola Costa da Morte con Victoriano García Martí. Hai outra nova interesante, sobre a impresión que lle causa o naufraxio do Santa Isabel.

-¿Que valor ten para vostede esta exposición?

-Ademais de instantáneas coñecidas, hai material fotográfico inédito e incluso engadimos reproducións de manuscritos de Valle, como un dándolle conta a un amigo do nacemento dun fillo na casa da Mercé. A importancia é contextualizar a Valle na ría de Arousa, onde reside desde o 1912 ata o 1925, que ven ser a súa estancia máis longa en Galicia e tamén o seu período literario máis fértil. Con esta exposición queremos reivindicar o Valle-Inclán arousán.

-¿Ata cando vai estar a disposición do público?

-Vai estar ata decembro. O material recompilado acompáñase de paneis con distintos elementos. Por exemplo, o poema sobre o seu nacemento no medio da ría de Arousa, declaracións súas sobre a torre de Bermúdez ou caricaturas del da época.

-¿Que pasará despois de decembro con esta exposición?

-Á hora de montar esta exposición, a nosa intención era achegar a figura de Valle-Inclán aos veciños do Barbanza e do Salnés, xa que normalmente os museo son visitados por turistas, por xente de fóra. Pero nós consideramos que ten que haber unha exposición maior a partir deste aperitivo, unha mostra de ámbito nacional.

antonio gonzález director do museo da pObra

«Hai un artigo interesante sobre a impresión que lle causou o naufraxio do ?Santa Isabel?»

«Consideramos que ten que haber unha exposición maior a partir deste aperitivo»