Os mártires de Nebra seguen moi vivos no recordo dos veciños

O catedrático de Historia Francisco Calo Lourido participou no acto de lembranza aos falecidos na ponte de Cans


ribeira / la voz

«Recordar estes feitos é facer pobo». Así de contundente se mostrou o nacionalista Xosé Deira, un dos asistentes ao acto en recordo dos mártires de Nebra que se celebrou onte na ponte de Cans, no concello de Porto do Son. Alí morreron asasinados cinco veciños que loitaban contra o que consideraban unha inxustiza. Pasaron case cen anos desde aquela traxedia, pero a loita destes mártires segue moi presente no recordo dos barbanceses e así quedou onte demostrado.

Nese mesmo lugar reuniuse a familia do BNG da comarca para deixar claro que non esquecen o acontecido. Tamén varios sonenses quixeron unirse ao acto e mostraron así a súa indignación.

O catedrático de Xeografía e Historia Francisco Calo Lourido asistiu para falar sobre a situación política que se vivía por aquel entonces e contextualizar así un acontecemento que aínda estremece. Ao pé do monolito levantado en homenaxe aos mártires, compartiu o seu coñecemento con todos os presentes. Calo Lourido foi director de varios institutos e impartiu clases nas universidades de Compostela e Porto.

Ano 2001

A música da gaita foi a banda sonora dun acto que se vén celebrando dende hai máis dunha década. Foi no ano 2001 cando se levantou o monolito que lembra aos mártires e onde hoxe se depositan as flores no seu recordo.

Aquel 12 de outubro sucedeu algo que o BNG considera que non pode pasar por alto, e por iso segue organizando este acto. Este 12 de outubro a chuvia non quixo estar presente.

Cabe subliñar que nesta ocasión tamén un grupo de veciños quixeron organizar un acto paralelo para recordar aos mártires e programaron unha misa na igrexa de Nebra pola mañá e, seguidamente, outra ofrenda floral no monolito erixido na súa lembranza.

A historia destes mártires asasinados é a historia da loita contra a resignación. Por iso, e especialmente nestes tempos, o BNG considera que é tan importante lembrar o acontecido. Ademais de Xosé Deira, Santiago Suárez e Ánxela Franco, entre outros compañeiros de partido, quixeron volver a reunirse na ponte de Cans para reivindicar a importancia do pasado.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos

Os mártires de Nebra seguen moi vivos no recordo dos veciños