O pazo de Rianxiño quedou baleiro despois de case dúas décadas de actividade

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

As dúas monxas que aínda residían no centro pastoral María Ana Mogas retiráronse a outras residencias hai unhas semanas

09 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

As paredes do pazo de Viturro, en Rianxiño, volveron quedar baleiras. Durante anos estiveron abandonadas e as súas pedras acabaron derrubándose ata converter o inmoble nunha ruína, unha desfeita que hai dúas décadas recobrou a vida da man das relixiosas da orde das Franciscanas Misioneras de la Madre del Divino Pastor. Unhas vinte monxas iniciaron a actividade no centro pastoral María Ana Mogas no ano 1995, pero agora só dúas seguían vivindo no privilexiado recinto rianxeiro. Elas, xa maiores, acaban de marchar deixando de novo pechado un dos inmobles nobiliarios do municipio que mellor se conserva.

Durante os case vinte anos que se mantivo a actividade nas instalacións, realizáronse no pazo multitude de actividades. Funcionou como albergue en intercambios educativos, acolleu cursos e xornadas sobre turismo ou xeriatría, deu cabida a expertos na figura de Castelao e foi escenario de multitude de actividades culturais, como a entrega dos premios do Deporte que concedía o Concello de Rianxo ou o acto co que Xosé Luis Axeitos entrou na Real Academia Galega hai unha década. Esta intensa actividade foi minguando pouco a pouco, ao mesmo ritmo que o número de relixiosas que residían no pazo e atendían as instalacións se foi reducindo, de maneira que nos últimos anos o único que se mantiña eran os campamentos que no verán traían á vila a ducias de mozos.

Despedida festiva

A modo de despedida antes que o pazo pechara, nas pasadas festas rianxeira o recinto deu cabida a unha das actuacións coas que se agasallou aos participantes no encontro de confrarías e irmandades da Guadalupe.

Máis que un adeus, foi un ata logo, posto que, aínda que o pazo estará pechado todo o ano, a congregación franciscana seguirá organizando os seus campamentos estivais.