Contra as maiorías absolutas

Francisco Ant. Vidal
Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

28 sep 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

E n opinión de Xulio, as maiorías absolutas son a antidemocracia absoluta, e segundo Moncho, sen unha maioría absoluta non hai maneira de facer nada, todos queren mandar e impoñer.

Certamente, as tales maiorías, incluso na asociación de veciños, permiten un goberno máis tranquilo, levando á practica a totalidade do programa dos gañadores, pero tamén é verdade que estas néganlle a palabra ó resto, correndo o risco de que con elas sexa maior o desencontro cunha ampla parte da sociedade. E a máis, por mor desa lei electoral que lles permite ós partidos maioritarios acadar máis representantes con menos votos ca aqueloutros máis pequenos, unha maioría absoluta no Parlamento ou no Congreso non representa a mesma proporción que se dá na sociedade. E se aínda a maiores se pretende que a lista máis votada sexa a que goberne, asegura Xulio que só se está disfrazando de demócrata unha ditadura.

Alguén tildou á democracia do menor dos males, lembrando como esta puxo no poder a personaxes como Hitler ou Mussolini. Aínda a maiores, os historiadores antidemócratas viaxan ata a Grecia clásica para pór o exemplo de Pericles, o pai da democracia e fundador da Liga Ática, na que todas as cidades pertencentes á mesma colaboraban cos seus cartos a manter unha especie de estado plurinacional, que o mesmo Pericles e o seu goberno administraban, ata acabar acusados de malversación por empregar o que era de todos en embelecer Atenas e construír o Partenón. É o manido recurso discursivo dos antidemócratas cada vez que salta ós medios de comunicación algunha nova referente a malversación, nepotismo ou enriquecemento ilícito dalgún dirixente político; pero aínda así, ¿que ten de bo calquera dos outros réximes carentes de fiscalización e de capacidade popular para pór ou depor a todo un goberno sen necesidade do uso das armas?.

Despois da experiencia habida tras case corenta anos de democracia, sabemos que sempre hai alguén que se arrima ó poder para sacar tallada, que polo propio mecanismo electoral acceden ás listas de candidatos os tipos simpáticos, populares e buscavidas para contaminar a decencia, que diría o Sabina, ata converter a política nunha especie de carreira na que se premia a quen mellor viste e máis oloroso dentífrico usa; e a noite das eleccións acaba sendo unha especie de competición na que cada quen só agarda que o seu equipo meta máis goles co outro.

Os amigos políticos que militan nos grandes partidos botan pestes contra os pactos, e acusan ós pequenos de ser unha especie de ditadores que frean e impoñen o seu criterio, pero pola experiencia habida, con maiorías absolutas o Parlamento é unha reunión de xordos onde todos berran pero non se escoitan, quizabes -segue opinando Xulio- porque o parlamentario aínda non se decatou de que está aí para debater e non para levar a contraria.

Está claro que Xulio non está a favor das maiorías absolutas, e pola contra quixera que o abano parlamentario fose moito máis amplo, convencido de que se nos gobernos do concello ou do parlamento houbese máis grupos, máis discutirían pero tamén máis se terían que esforzar para consensuar as políticas que beneficiasen á maioría e non só ós seus partidarios. E a proba está en que todos aqueles gobernos que nalgún intre houberon ou decidiron contar co apoio e opinión dalgún grupo da oposición para gobernar, foron os que máis avances sociais trouxeron. Só hai que mirar as hemerotecas.