A Comisión da Memoria Histórica reunirá testemuños nun documental

Antón parada / M.G.

BARBANZA

CEDIDA

26 sep 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza está a piques de rematar un documental audiovisual no que se recollerán os testemuños en primeira persoa de familiares e afectados pola represión do levantamento fascista. O formato deste traballo estará inspirado nun que realizara o director Pedro Almodóvar e durará uns quince minutos.

A data de publicación está pendente da recolección de información das zonas de Noia e Lousame. Por outra banda, a asociación está involucrada na publicación duns cadernos epistolares sobre o fusilamento en Boisaca, en xaneiro do 1937, de varios veciños da comarca. O primeiro caderno estaría constituído por unha breve biografía de cada un deles e a correspondencia privada na que se relatan os meses de cativerio.

Noutra liña, Adrián Romay, o secretario deste colectivo, anunciou que tras a interposición do contencioso contra o Concello de Ribeira polo incumprimento da Lei de Memoria Histórica, están a espera de que dende a alcaldía aporten os argumentos e a documentación pertinente para que o procedemento avance.

Retirada de nomes

Na relación de reclamacións do recurso pídese a retirada de: nomes das rúas e prazas de Otero Goyanes, Miguel Rodríguez Bautista, Nove de Agosto e Diego Delicado; a simboloxía falanxista en Martín, Bretal e Frións; e os títulos de fillos predilectos a Fernando Suárez, José María de Ribero e Goyanes.

No Concello aseguraron que cumpre coa lei e que ningunha das peticións supón unha violación da normativa.