Maridaxe de xoubas e pementos para apertar o lazo que une a Rianxo e Padrón

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

monica ferreiros

Unha escampada permitiu cumprir co ritual da ofrenda ante Rosalía e Castelao

17 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Que nas festas da Guadalupe se lle dedique un día, o de onte, a Padrón ten unha razón de ser, que non é outra que a de reforzar o lazo que une a ámbolos dous municipios. Ese cordel imaxinario que mantén atadas ás xentes dun e outro concello incorporou onte un novo elemento, o gastronómico. Unha maridaxe entre a xouba rianxeira e o pemento ilustra como poucas outras imaxes o nexo que existe entre as dúas vilas.

En establecementos hostaleiros do municipio padronés estanse a desenvolver unhas xornadas que unen ambos produtos, unha combinación que onte levaron a Rianxo cunha demostración de cociña que puxo en evidencia o ben que casan os pementos, piquen ou non, coas raíñas do mar rianxeiro.

A degustación puxo o punto e final a unha tarde pasada por auga. A chuvia, coa que as previsións meteorolóxicas levaban ameazando toda a semana, caeu con ganas na xornada de onte, o que obrigou a facer algúns cambios de última hora no programa previsto. Pese a todo, unha oportuna escampada permitiu cumprir co tradicional ritual de completar o percorrido que une a Rosalía con Castelao a través do paseo da Ribeira. As corporacións de Padrón e Rianxo visitaron os bustos dos dous grandes da literatura galega e realizaron a ofrenda habitual, antes de coller camiño cara a casa consistorial.

Día de estreas e despedidas

Alí tivo lugar o acto máis protocolario da tarde. Os dous alcaldes realizaron cadansúa intervención ante concelleiros, representantes das dúas patronais e da confraría rianxeira. O feito de que tanto o patrón maior coma o presidente da ARE estean a vivir a súa primeira Guadalupe nestes cargos levou ao rexedor anfitrión, Adolfo Muíños, a falar de onte coma unha xornada de estreas e despedidas, posto que serán as últimas festas deste mandato e quizais o próximo setembro o Día de Padrón terá outros protagonistas: «O importante é que por riba de todo queda o valor desta boa relación de amizade», subliñou. E fixo referencia tamén a un dos principais motivos de unión entre ámbolos concellos: a cultura e os seus persoeiros.

Pola súa banda, Antonio Fernández Angueira, rexedor padronés, insistiu tamén na unidade entre os dous pobos. Logo, a comitiva dirixiuse ao auditorio, a onde tivo que trasladarse o concerto da banda de Rianxo por mor da chuvia.