«Viva a Guadalupe de Rianxo, a Gomera, Cáceres e Huelva»

Javier Romero Doniz
Javier Romero RIBEIRA/LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Rianxeiros e devotos desta virxe chegados de toda España honrárona no seu día grande

15 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

José Arenas é párroco no convento da Guadalupe de Cáceres. Onte, mentres se oficiaba a misa no Campo de Arriba de Rianxo, el estaba sentado nun pequeno taburete ao fondo da capela que custodia a esta virxe. Nas man tiña o teléfono, que utilizaba para escribirlle aos seus compañeiros sacerdotes a xornada que vivía en Rianxo. Este cura estremeño non puido participar na homilía por unha operación recente na perna, pero si que sentía o ambiente de devoción que había e rodeaba o refuxio da Moreniña.

«Nosotros somos franciscanos, pero antes, en el convento al que pertenezco, éramos jerónimos y había un fraile de Rianxo que hizo una virgen de cartónpiedra para traerla a su villa natal. Así fue como surgió este arraigo popular que todavía perdura. Para los que amamos a la Guadalupe es muy bonito ver que ese sentimiento se extiende por tantos sitios de España, aunque aquí se nota una devoción especial», explica mentres os seus dedos seguen transmitindo emocións a través do whatsapp.

Cando rematou a cerimonia, que estivo presidida polo arcebispo de Santiago, Julián Barrio, outro namorado desta Virxe apoiábase nun dos muros da capela. Chámase Ángel, vive na illa canaria da Gomera e ten 84 anos de idade. O corpo pedíalle acomodo despois dunha mañá enteira de pe, aínda que a súa cara transmitía felicidade e os seus ollos estaban humedecidos polas emocións acumuladas. «Nosotros también queremos mucho a la Virgen, pero escuchar aquí, en esta alameda, cantar vuestra canción de la Rianxeira invita a llorar. Estoy disfrutando más de lo que pensaba».

Procesión sen ofrenda

As sensacións relatadas por estes dous apaixoados da Guadalupe, que visitaron Rianxo coincidindo co encontro nacional de confrarías, serven tamén para explicar o fervor vivido, outro ano máis, no día grande da Moreniña. Trala misa comezou a procesión a pe polo paseo da Ribeira ata chegar á punta do porto, onde a imaxe foi embarcada. Este ano, por estar a marea máis baixa do normal, o paso chegou ata o final do peirao. De alí partiron os barcos para fondear fronte á praia de Tanxil. A música da banda municipal serviu para entoar novamente a Rianxeira antes de regresar a terra. Os que non tiñan presa, ou non eran esperados na casa, optaron por encher a carpa do Campo de Arriba para comer un bo polbo. Alí, entre outras moitas cousas, púidose escoitar: «Viva a Guadalupe de Rianxo, a Gomera, Cáceres e Huelva».