O sol luciu para a travesía do Carme pola ría sonense

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez NOIA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Preto de vinte embarcacións participaron na procesión marítima

09 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A de onte foi unha xornada de sentimentos encontrados en Porto do Son. Por un lado, estaba a emoción contida que acompaña sempre as celebracións na honra da Virxe do Carme, patroa de boa parte dos veciños do municipio, dedicados ao mar; e, pola outra, o alivio que supuxo ver amencer un día despexado trala choiva do domingo. O sol luciu para a avogada dos mariñeiros e permitiu a sonenses e visitantes gozar dunha agradable travesía pola ría.

Foi moita a xente a que se sumou os actos na honra do Carme, que comezaron pola mañá coa procesión desde a capela da Atalaia ata a explanada portuaria, onde se celebrou unha misa solemne. O encargado de oficiar a cerimonia relixiosa foi nada menos que o arcebispo de Santiago, Xulián Barrio. Unha carpa ateigada recibiu á comitiva que encabezaba a imaxe da patroa dos mariñeiros para unha misa na que se puideron ver moitas caras coñecidas, entre elas a da conselleira do Mar, Rosa Quintana; o subdelegado do Goberno, o senador José Luis Torres Colomer e algúns alcaldes da comarca.

Tanta autoridade non lle quitou nin unha migalla de protagonismo aos cativos que, aproveitando as celebracións da patroa dos mariñeiros, fixeron a primeira comuñón.

Hora e media

Unha vez rematados os oficios relixiosos, abriuse a lonxa para que a Virxe descansara nela ata o momento da procesión, que, con puntualidade, embarcou no peirao sonense ás seis da tarde.

Quince embarcacións pequenas e tres cerqueiros que quedaron en porto para unirse ao desfile -o Ansia, o Arela e o Oscarbi- participaron nunha procesión á que se sumaron multitude de veciños, que ateigaron os barcos. En Porto do Son existe a costume de que leve á santa o buque máis novo do porto, e desta volta esa honra recaeu en O Arao.

Cando estivo embarcado todo o mundo, iniciouse unha travesía por augas sonenses na que non faltaron as anécdotas. Na boca da ría a comitiva achegouse a unha embarcación que estaba faenando para que moita da xente que ía a bordo e que non se dedica ao mundo do mar puidera ver o traballo dos mariñeiros.

Despois de hora e media de tránsito pola ría, a virxe volveu a terra e iniciou o regreso á capela da Atalaia, onde agardará ao próximo setembro para volver respirar o aire mareiro.