Xoel López engaiola no seu regreso a un escenario galego

Os noieses marcharon satisfeitos dun concerto moi concorrido e animado


RIBEIRA / LA VOZ

Xoel López confesou en Noia que había tempo que non actuaba en Galicia e que para el era motivo de profunda satisfacción que o Concello o tivese en conta á hora de facer a programación. O cantante coruñés foise gañando ó público noiés pouco a pouco, e iso que nas primeiras de cambio atopouse nunha encrucillada, cando entre o segundo e o terceiro tema púxose a falar en castelán e dende o público dixéronlle que mellor en galego. El non se engurrou senón todo o contrario, respondendo que non tiña problema, e cumpriu.

Anécdotas aparte, persoas de diversas idades déronse cita na Alameda e atopáronse cun artista para todos, porque tanto compraceu ós nostálxicos de Delux, intercalando no seu repertorio temas tan soados como Pájaros Negros ou Resurrección, entre outros, como ós da súa traxectoria actual, ós que lles brindou a maior parte das cancións que integran o seu último traballo, Atlántico. E para maior satisfacción destes últimos, anunciou que para o ano que vén sacará un novo álbum, que pode considerarse a segunda parte.

Conectou co público

O artista conectou co público a base de música, simpáticas intervencións e bailes, que foron correspondidos con coros de centos de voces que fixeron que as cancións retumbaran nunha plácida noite na que incluso o son chamou a atención pola súa calidade. Empezou a actuación cuns minutos de retraso, non por culpa de Xoel, e rematou moi preto das dúas da madrugada, e a xente marchou satisfeita porque, algúns, descubriron un novo cantante; e outros, comprobaron que Xoel López non perdeu o seu halo interpretativo.

Ademais, foi xeneroso nos bises e sorprendeu ó público cando convidou a subir ó escenario ó produtor musical Juan de Dios, que traballa para famosos como Amaral e outros, para que lle botara unha man nos temas cos que puxo peche a un concerto que ata o mesmo protagonista esperaba como auga de maio.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos

Xoel López engaiola no seu regreso a un escenario galego