A centenaria Ventura apagou as últimas velas

BARBANZA

monica ferreiros

A aldea lousamiá despediu hai uns días á súa veciña máis lonxeva

08 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O pasado mes de decembro, familiares, achegados e veciños de Ventura Poceiro Agraso reuníronse ao seu redor para festexar os seus cen anos de vida. Daquela, todos comeron torta e brindaron cun mesmo desexo: «De hoxe nun ano». Pero non puido ser, ese día Ventura apagou as súas últimas velas.

Dicía a anciá o 12 de decembro que cumpría «un cento» de anos. Pasou do cento e medio, pero o seu corpo, que xa sufrira algún achuchón, non deu aguantado máis e hai uns días a aldea lousamiá de Camboño despedía a súa veciña máis lonxeva. Cando se converteu en centenaria, a súa saúde era boa, salvo porque non oía ben e camiñaba axudándose dun bastón, pero levaba ás costas o peso de moitas décadas de vida e a súa luz foise apagando, igual que as velas da torta do seu último aniversario.

Ventura deixou orfa a unha familia á que criou e que estaba moi unida á súa matriarca. Pero, como dicía a súa neta tralo pasamento, agora quédanlles a todos os infinitos bos recordos que a centenaria lles deixou na súa longa existencia.

Con axuda

Entre esas lembranzas, está a entrañable celebración dos cen anos da avoa, que soprou as velas ?tres velas son moitas para apagalas unha persoa soa? coa axuda de Aida, Brais e Paula, tres dos seus catro bisnetos.

Os cativos da casa eran a súa debilidade e mostrábase feliz rodeada dos seus. Por iso aceptou festexar o seu aniversario número cen a pesares, como recordaba a súa filla o pasado decembro, de que había poucos días que se cumpriran oito anos do falecemento do home co que compartiu a súa vida durante case seis décadas. Agora, xa están os dous xuntos de novo.