«O crecemento que experimentou Boiro daría pé a unha intervención»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

monica ferreiros

É especialista en converter espazos, públicos e privados, en obras de arte

27 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

É un dos moitos veciños que achegan o seu grao de area para que o eido artístico estea a atravesar en Barbanza, nestes intres, un dos seus mellores momentos. Aínda que o seu nome, Olmo Blanco, non soe con forza na comarca, este boirense ten realizado numerosas intervencións, algunha incluso fóra de España, e conta no seu currículo con prestixiosos galardóns. Hai pouco foi finalista no premio internacional Artejove-n que promove a Fundación María José Jove. Non se considera un creador máis querido fóra da casa que dentro, aínda que recoñece que non lle importaría facer algo na comarca.

-¿Como e cando empezou esta predilección súa pola arte?

-O mundo do debuxo e da pintura interesoume desde neno. Como en Boiro non se impartía o bacharelato de Artes, fixen ciencias puras e de aí saltei a Belas Artes. Xa daquela tiña en mente gañarme a vida con isto.

-¿É dos que pensa que un artista nace ou faise?

-Eu creo que se fai. Supoño que haberá xente con certas capacidades, pero penso que a educación é importantísima. Aos profesionais, aos artistas tamén, hai que facelos.

-Traballa máis fóra ca dentro de Barbanza, ¿séntese pouco recoñecido na súa terra?

-Non, é algo circunstancial. Case sempre vivín fóra de Barbanza e penso que por iso me saíron máis traballos en outros lugares.

-Pero, ¿non lle gustaría facer algo en Barbanza?

-Si, e estou aberto a traballar na miña terra, pero penso que non se deu a ocasión. Seguro que no futuro aparece.

-¿Ten algunha posible idea para desenvolver na comarca?

-Eu traballo a partir de intervencións para lugares específicos e penso que podería ser interesante desenvolver algún proxecto en Barbanza, nun espazo público ou nun privado. O que pasa é que eu non vou con ideas preconcibidas, é o espazo o que me ofrece a temática. Non é o mesmo intervir nuns baños dun pub de Santiago, como fixen, ca nunha área de oficinas, por exemplo.

-¿E hai algún espazo en Barbanza que se lle pase pola cabeza?

-Non teño un espazo concreto, pero si recoñezo que o crecemento que experimentou Boiro daría pé a unha intervención artística.

-Defina iso de intervención.

-É unha proposta artística feita a partir do debuxo e da pintura. No caso do baño do pub de Santiago, o que fixen foi unha versión falsa do luxo: obxectos que dan a impresión de ser luxosos pero, ao achegarse a eles e tocalos, son pobres. Tamén traballo sobre outras ideas, como a insistencia ou a invisibilidade.

-Do que leva feito ata o de agora, ¿que destacaría?

-Das intervencións feitas por encargo, quedaríame coa participación na Bienal de Montevideo, co premio Injuve e coa exposición no Museo Marco.

-¿Que prefire, crear por iniciativa propia ou por encargo?

-É o mesmo, o feito de que unha persoa ou unha institución me propoña desenvolver un proxecto non o tomo coma un encargo. Eu non fago separación, porque para min é o mesmo. Aínda cando traballo por encargo, teño libertade para crear, senón non aceptaría.

-¿Golpeou a crise tanto como se di ao eido artístico?

-A miña profesionalización empezou coa crise, así que eu non percibín o cambio. Si é certo que moitos artistas deixaran este mundo e outros tiveran que combinalo con actividades paralelas. Cando che gusta isto, o ideal é dedicarlle todo o tempo.

-No seu caso, ¿pode permitirse ese luxo?

-Eu si, vivo exclusivamente da arte, pero recoñezo que hai que ser moi austero, senón non dan as contas.

-¿En que está traballando agora?

-Estou facendo unha colaboración co Atelier Real de Lisboa, unha residencia de artistas en cuxo baixo se abrirá unha especie de café cultural. Eu fago unha intervención nos baños.

-¿Como ve o movemento cultural en Barbanza?

-A nivel cultural, Barbanza é unha comarca moi interesante. Hai canteira e fanse cousas boas. Penso que hai inquedanzas no eido cultural, atrévome a dicir que é unha mina.

olmo blanco artista