O BNG convida aos barbanceses a sumarse aos actos do Día da Patria

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA

BARBANZA

Como cada ano, o venres haberá unha manifestación en Santiago para a que se fretará un autobús que partirá de Ribeira

23 jul 2014 . Actualizado a las 22:10 h.

O BNG de A Pobra fixo un chamamento aos veciños da comarca barbancesa para que se sumen aos actos que se van desenvolver en Compostela entre a xornada de mañá e o venres con motivo do Día da Patria Galega.

Mañá mesmo comeza unha nova edición do Festigal, unha cita festiva con múltiples actividades artísticas e culturais coa que se reivindica a soberanía de Galicia. Pola tarde, ás 17.30 horas no parque de Bonaval, está prevista unha homenaxe a Castelao e a Rosalía de Castro.

O venres o Festigal continúa, pero antes, ao mediodía, vaise celebrar unha nova manifestación polo Día da Patria baixo o lema «En pé por Galiza. Soberanía, democracia e traballo». As persoas da comarca que queiran acudir poderán facelo nun autobús fretado polo BNG que partirá da estación de Ribeira ás dez da mañá e realizará as paradas habituais en A Pobra, Boiro e Rianxo antes de dirixirse a Santiago. O prezo da viaxe é de 6 euros.