O Xeito liderará a petición das Letras 2017 para Agrelo

Os impulsores da iniciativa lograron xa reunir medio milleiro de sinaturas e puxeron en funcionamento unha páxina web


ribeira / la voz

A asociación O Xeito, creada no seu día por Xosé Agrelo para espallar a cultura en xeral e o teatro en particular será a encargada de liderar a proposta que se tramitará ante a Real Academia Galega para que o Día das Letras 2017 lle sexa dedicado ao escritor noiés. Os impulsores desta iniciativa, os mestres Manuel Abelleira e Soledad Perol, mantiveron un encontro con responsables desta entidade, con sede en Esteiro, que se amosaron «moi ilusionados con seren a punta de lanza da reivindicación».

Aínda que estes dous profesores seguirán levando o peso dos distintos pasos a dar para conseguir o obxectivo, O Xeito será, como entidade, a que lidere a proposta. «Desde un principio consideramos que era máis axeitado que fóra unha asociación a que fixera os trámites, aínda que nós seguiremos traballando arreo», comentou Abelleira.

De feito, os dous mestres que impulsaron esta proposta traballan xa en diferentes liñas. Por unha banda, puxeron en marcha unha páxina web, que pretende ser o portal de lanzamento da candidatura. A través de www.xoseagrelohermo.org difúndese información sobre a vida e a obra do escritor, así como comentarios realizados sobre a súa persoa por diversos expoñentes da cultura galega.

Entre a información colgada nesta páxina destaca unha gravación do Espantallo, un relato co que Agrelo gañou o primeiro premio do certame de contos infantís O Facho cando era mestre en Torea (Muros). Ademais, nesta portal seguen a recollerse sinaturas en apoio á candidatura para as Letras 2017. A cifra de firmas achégase xa ao medio milleiro.

De forma paralela, Abelleira e Perol mantiveron contactos con Gonzalo Enríquez Veloso para que realice un documental sobre a vida e a obra de Agrelo Hermo. Este director xa elaborou traballos similares ao redor de figuras que foron homenaxeadas coas Letras Galegas, como Vidal Bolaño, Lois Pereiro, Paz Andrade ou Díaz Castro.

Dobre candidatura

Aínda que cando iniciaron a loita para conseguir que se recoñeza o valor do legado que deixou o escritor noiés descoñecían a existencia doutra corrente en Barbanza disposta a presentar unha candidatura para as Letras Galegas 2016 co nome de Manuel Fabeiro, Manuel Abelleira e Soledad Perol insisten en asegurar que non se trata de peticións excluíntes ou incompatibles. «Penso que esta duplicidade non nos vai prexudicar, porque a figura de Agrelo destaca por enriba de todo», sinalou o mestre.

Pero Abelleira non quere que a situación acabe derivando nunha rivalidade entre as dúas correntes, ao contrario: «Nós envorcarémonos no noso obxectivo e seguiremos buscando apoios, que por certo son abafadores, pero non estamos en contra de que se solicite o Día das Letras 2016 para Fabeiro».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos

O Xeito liderará a petición das Letras 2017 para Agrelo