De San Petersburgo ás pedras da Galea

BARBANZA

marcos creo

O presidente da Real Academia Galega ficou abraiado co museo de escritores da Barbanza

16 jun 2014 . Actualizado a las 20:25 h.

Contaba onte Xesús Alonso Montero que había quince días estivera nun acto na universidade de San Petersburgo, na que xa andara alá polo 62, cando o nome da cidade rusa era Leningrado. Aludía á viaxe como fórmula para facer ver ós presentes a sorpresa que supoñía para el o que acababa de ver no lugar boirense de A Galea: o museo de escritores da Barbanza que abriu, a primeiros de maio, Guillerme Caxaraville. O presidente da Real Academia Galega aínda lle daba moita máis relevancia burlándose de se mesmo: «Estou sorprendido e engaiolado, pero tamén atribulado, porque a miña ignorancia sobre os escritores do Barbanza é maior do que pensaba», e castigábase máis ó engadir que a sala levaba aberta dende maio do ano pasado sen que el soubese nada. Foi puntualizado polos asistentes, que lle puxeron a data no 1 de maio deste 2014, e el respondeu aliviado: «Menos mal, a ignorancia é menos».

Xesús Alonso Montero foi convidado pola Asociación Cultural Barbantia a visitar a comarca e, nese contexto, impartir unha charla sobre barbanceses na Real Academia Galega (RAG). Quizais para inspirar ó presidente da institución, elixiron a parroquia de Bealo, primeiro, para comer, na Casa do Demo; e segundo, para que coñecese a iniciativa cultural máis recente, o museo de Caxaraville, situado na aldea de A Galea, entorno que, na década do anos vinte do século pasado, foi visitado por Fermín Bouza Brey e Florentino López Cuevillas. Do seu paso deixaron constancia en Nós: «Os penedos que comestos pola erosión colleron figuras imitantes a animais ou obxectos inanimados, facendo un conxunto ao xeito dunha cidade encantada».

Patriota da cultura

Cando Alonso Montero rematou cos eloxios cara o museo, no que incluso atopou libros seus, e o seu mentor, Guillerme Caxaraville, ó que cualificou de «patriota da cultura», que non é escritor, nin mestre, senón un mecánico, empezou a falar do peso do Barbanza na institución que preside, declarándose sorprendido de que houbese tantas persoas.

Como non podía ser doutro xeito, empezou pola figura máis universal, o rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, que, segundo o propio Alonso Montero, probablemente foi o autor do que el mesmo escribiu máis textos.

O presidente da RAG contou que o seu primeiro encontro con Castelao non foi en persoa, senón nunha manifestación na súa contra, no ano 1946. Puntualizou que en realidade non era contra o rianxeiro, máis ben contra o presidente da República, José Giral, e o seu goberno, do que Castelao era, como Carrillo, ministro sen carteira. Admitiu Alonso Montero que aquela protesta fora organizada polos fascistas e el, como moitos outros, participou porque non lle quedara outro remedio. Estaba estudando o Bacharelato en Madrid: «Eu nunca oíra falar de Castelao, nin ben nin mal».

A continuación centrouse en Victoriano García Martí: «Vino unha vez, en 1957, en Maxisterio». Do pobrense destacou a súa obra sobre Rosalía de Castro, da que dixo que aínda hoxe segue a ser fonte na que beben moitos investigadores.

Tamén citou a Celestino García Romero, ó que sitúa incluso por debaixo dun segundo nivel entre os escritores galegos. Do boirense reivindicou a recuperación do seu legado de inéditos.

Non esqueceu ó cura de Isorna Faustino Rey Romero, cualificándoo de «poeta florido en galego». Tamén citou ó muradán Manuel Fabeiro, ó poeta de Outes Francisco Añón... e, como non, ós contemporáneos Xosé Luís Axeitos (Rianxo) e José Ramón Barreiro (Ribeira), ós que tivo contestar cando leron o discurso de ingreso na Real Academia Galega.

O sonense Xosé Iglesias Roura e o noiés Lisardo Rodríguez Barreiro non esquivaron a memoria de Xesús Alonso Montero, que enumerou tanto a académicos como a correspondentes barbacenses da RAG.

Como recordo da visita, o presidente foi agasallado cun Castelao de Che Tembra e a primeira edición dun libro.